O portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, aposta por impulsar en coordinación co Servizo Galego de Saúde e outros axentes sociais un programa de atención integral para combater a soidade non desexada nos maiores de 65 anos. Asegura o representante socialista que a partir dun estudo diagnóstico inicial, o programa de soidade non desexada permitiría xerar un circuíto e un protocolo de captación e avaliación individual daquelas persoas maiores que padecen esta situación, abordándoa con accións concretas de sensibilización, prevención e intervención. Puentes explicou a súa proposta no marco dunha visita ao Concello de Avilés, en Asturias, un municipio que aseguran está a desenvolver programas exitosos neste sentido. De feito, ademais dunha recepción oficial da alcaldesa, Mariví Monteserín, os concelleiros socialistas de Pontevedra visitaron o centro de mayores de Las Meanas, onde puideron coñecer as liñas de acción que abarca o programa de soidade non desexada promovido por Avilés. "Asociado a campañas publicitarias e de concienciación, o programa contemplaría liñas de financiamento para actividades destinadas a atrasar ou minorar as situacións de dependencia e soidade non desexada en persoas maiores", explicou o socialista. Iván Puentes coa alcaldesa de Avilés, Mariví MonteserínPSOE Ademais, esta iniciativa incluiría un servizo de acompañamento que fomente a participación social e comunitaria de maiores que presentan indicadores de risco de illamento. A idea sería "implicar as comunidades veciñais, asociacións de veciños, entidades sociais e colectivos culturais", o que "permitiría que, na nosa cidade, en colaboración co voluntariado e coa cidadanía máis próxima e comprometida, poidamos detectar situacións de persoas en risco de padecer esta situación, sexa por vivir soas, por carecer de apoio familiar ou por outro tipo de realidades", sinalou. "Trátase de xerar unha rede sensible e respectuosa que permita a prevención, detección e intervención no ámbito da soidade non desexada", completou Iván Puentes apuntando cara a algunhas das vías de traballo desenvolvidas en Avilés. Entre elas están a organización de excursións especificamente dirixidas a maiores en colaboración con asociacións veciñais, encontros entre mozos e maiores que comparten inquietudes, actividades interxeneracionais de aprendizaxe de servizos entre estudantes de FP e centros de persoas maiores; a participación en festexos e actividades de lecer-cultura; e a formación en competencias tecnolóxicas. Na súa visita a Avilés, os socialistas de Pontevedra coñeceron tamén a Factoría Cultural de Avilés, un centro artístico multidisciplinar situado no edificio dunha antiga fábrica de camisas.