As cooperativas piden máis solo para poder seguir creando vivenda asequible

Wait 5 sec.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este luns as obras que impulsan as cooperativas de vivendas de protección autonómica Andares do Lérez e Beiras do Lérez no barrio pontevedrés de Tafisa. No caso de Andares do Lérez recibiu unha axuda autonómica de 560.000 euros para vivenda protexida sendo unha das oito promotoras beneficiadas este ano en Galicia, cunha dotación total de 4,3 millóns de euros para a construción de 403 vivendas. A conselleira destacou que a Xunta potenciará esta liña de axudas nos orzamentos do 2026, e prevé triplicar até preto de 15 millóns o investimento para seguir incentivando a construción de vivenda protexida. De novo haberá as dúas modalidades de achegas, para destinar as vivendas á venda e ao aluguer e os prezos das mesmas serán os da vivenda protexida para as modalidades de réxime especial, xeral e concertado. Son achegas que tamén se suman ás que a Xunta ofrece os particulares para adquisición de vivenda. Allegue volveu destacar a necesaria colaboración do sector público e privado para garantir o acceso á vivenda digna, de calidade e o un prezo "accesible". Insistiu na reclamación que a Xunta fixo ao Goberno central para que incorpore esta liña de achegas a promotores para venda no Plan Estatal de Vivenda, que até agora só contempla as de aluguer. Martínez Allegue visita as obras das cooperativas de vivendas en TafisaPontevedraViva Durante este visita, Javier Castro Valdivia, administrador da xestora de cooperativas Gestogar, interveu en representación das cooperativas de vivendas de protección autonómica Andares do Lérez e Beiras do Lérez, que agrupan a case un centenar de socios, para facer unha petición á administración autonómica: "Necesitamos más suelo para poder seguir creando vivienda asequible". Castro Valdivia explicou que actualmente non dispoñen de solo nin a curto nin a medio prazo, o que impide continuar con novos proxectos de vivenda protexida. "Pedimos que se agilicen los procedimientos y se ponga suelo a disposición de las cooperativas, además de promover vivienda pública", reclamou. O responsable de Gestogar tamén solicitou novas axudas á compra de vivenda, especialmente para cubrir o pago inicial ou entrada, que cualificou como a "gran barrera" para os futuros propietarios. Así mesmo, pediu módulos de prezo máis realistas nas zonas de protección oficial e reclamou tamén que a Xunta considere ás cooperativas como "aliadas naturales" na creación de vivenda aseguible. Por último, o administrador pediu á conselleira que interceda ante os redactores da nova Lei de Cooperativas de Galicia, cuxo borrador, segundo dixo, "parece hecho con el ánimo de que no se creen cooperativas de vivienda". Javier Castro Valdivia facéndolle unhas indicacións a Martínez Allegue PontevedraViva PREZOS AO ALCANCE EN TAFISA Na cooperativa Andares do Lérez, aínda que os pisos varían segundo as decisións do grupo, a maioría son de tres dormitorios, dous baños, terraza, praza de garaxe e trasteiro, distribuídos nuns 85 metros cadrados. As vivendas axústanse ao milímetro para cumprir cos módulos e adaptarse á capacidade de compra das persoas, explican desde a cooperativa. A pesar do seu tamaño contido, os pisos contarán con certificación enerxética A, calefacción por solo radiante e sistemas de aerotermia para a produción de auga quente sanitaria. Todo iso, por un prezo que rolda os 180.000 euros, moi por baixo do habitual nesta zona de Tafisa. A clave do aforro está no propio modelo cooperativo xa que ao eliminar marxes intermedias, especialmente o do promotor, o custo final redúcese de forma significativa. As obras comezaron hai cinco meses e teñen un prazo de execución de 24 meses. Despois, os novos propietarios deberán esperar un catro meses máis para completar os trámites administrativos, que inclúen a licenza de primeira ocupación, a cualificación definitiva e o visado dos contratos, requisitos propios dunha vivenda de protección. Martínez Allegue visita as obras das cooperativas de vivendas en TafisaPontevedraViva