A Semana Lorquiana do Museo de Pontevedra homenaxea o artista Carlos Taboada

Wait 5 sec.

A Deputación de Pontevedra dedica a sétima edición da Semana Lorquiana a homenaxear a Carlos Taboada, ilustrador, escritor e impulsor do colectivo Polo Correo do Vento, falecido este verán. A cita cultural sobre Lorca, dirixida desde o seu inicio por Polo Correo do Vento, desenvolverase ao longo desta semana no Museo de Pontevedra. Do martes 11 ao venres 14 de novembro, o Edificio Castelao acollerá actividades para escolares da provincia, co obxectivo de divulgar a figura de Federico García Lorca e o seu vínculo con Pontevedra. O domingo 16 terá lugar unha andaina titulada 'Federico García Lorca en Pontevedra', pensada para público adulto, con saída ás 12:00 horas desde o propio Edificio Castelao. Ao finalizar o percorrido, celebrarase a homenaxe a Taboada, que contará coa interpretación musical de Marcelo Dobode e intervencións de persoas achegadas ao autor. Taboada, que faleceu con só 45 anos o 13 de agosto, foi promotor desta Semana Lorquiana e deixou unha fonda pegada na comunidade escolar pontevedresa e galega, gañando popularidade polas súas actividades en colexios, bibliotecas e murais colaborativos A Semana Lorquiana quere lembrar, por outra banda, a importancia das visitas de Lorca á cidade. O escritor granadino definiuse como "poeta galego" e chegou a escribir os seus 'Seis poemas galegos' en idioma galego. En 1932, o autor de 'Bodas de sangre' visitou Pontevedra dúas veces: en agosto con La Barraca e en novembro, convidado pola revista Cristal, e nesa estancia deixou escrito un soneto.