Pontevedra é, sen dúbida, unha cidade pioneira. O coñecido como "Modelo Pontevedra" transformou radicalmente o noso espazo público, demostrando que a calidade de vida prospera cando o tráfico cede ante as persoas. Recuperamos o dereito a camiñar e a convivir, un logro polo que somos admirados internacionalmente. É xusto recoñecer que o " Modelo Pontevedra", amplamente valorado está directa e profundamente inspirado polas propostas do pedagogo italiano Francesco Tonucci e o seu proxecto "A cidade dos nenos", cuxa primeira visita á cidade, recordo como un gran impacto alá polos anos 90, convidado polo Centro de Formación do Profesorado de Pontevedra (Cefocop). Desde entón, Tonucci regresou varias veces, sinalando á nosa cidade como exemplo internacional de como inverter as prioridades urbanas. Con todo, para que esta transformación sexa completa e verdadeiramente xeracional, necesitamos avanzar cara a unha meta superior: converternos nunha Cidade da Infancia. Debemos entender que o xogo libre e autónomo no espazo público non é un simple entretemento, senón un "dereito esencial" e unha ferramenta educativa insubstituíble. Na rúa —sen a supervisión constante dos adultos—, a infancia aprende a xestionar riscos, a convivir coa diversidade, a cooperar e a desenvolver a súa autonomía. A rúa, cando é segura e acolledora, é a mellor escola de cidadanía. O Concello, hai que recoñecelo e aplaudilo, deu pasos importantes nesta dirección, impulsando xornadas lúdicas para fomentar a autonomía infantil nas rúas , creado os "Camiños Escolares", que é un proxecto clave que sinaliza e asegura rutas para que os nenos e nenas poidan ir á escola sós, a pé e de forma segura, ou fomentado a súa Integración da cidade en Redes: Pontevedra está incluida na rede internacional "Città dei Bambini" impulsada por Tonucci, e tamén é recoñecida como "Cidade Amiga da Infancia" por UNICEF, e ademais, entre outras moitas accións, a cidade acolleu exposicións como "Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato", centradas na súa pedagoxía e as súas ideas sobre a cidade. Con todo, os logros alcanzados deben consolidarse. As accións puntuais, por valiosas que sexan, necesitan transformarse en estruturas estables e permanentes que garantan que os nenos e nenas ocupen un lugar real na vida urbana. Por iso, propoño insistir en dúas medidas concretas que consolidarían definitivamente a Pontevedra como " Cidade da infancia". Por una parte, declarar e Sinalizar "Rúas de Xogo". É necesario estender a cultura peonil aos barrios e garantir que haxa espazos onde o xogo espontáneo sexa a prioridade absoluta. Propoño a declaración de "Rúas de Xogo", implementando dúas fórmulas: Rúas de Xogo Permanentes: Vías secundarias ou seccións de prazas, especialmente nos barrios, onde o tráfico é mínimo ou inexistente e onde o xogo da infancia estea explicitamente priorizado e sinalizado. Rúas de Xogo Temporais: Establecer cortes de tráfico programados (por exemplo, os fins de semana ou as tardes de verán) en zonas específicas, permitindo que a rúa se transforme nun gran patio de xogos para o barrio, recuperando o espírito da convivencia veciñal. Ademais, por outra parte, é fundamental consolidar o "Consello das crianzas". Este órgano consultivo, en marcha desde comezos de 2025, representa o corazón do proxecto de Tonucci. Dotar a este ente, formado por nenos e nenas de diversos centros e barrios, dunha voz efectiva e continuada nas decisións urbanas é un acto de profunda coherencia democrática e pedagógica. A súa función debe ser estable e continuada. A través deste consello, a infancia pode propor melloras sobre parques, mobilidade ou seguridade. Ao facelo, aprenden o valor da participación cívica, a responsabilidade, a crítica construtiva e a corresponsabilidade democrática. Animo ao Concello, ás asociacións veciñais e a toda a cidadanía a asumir este reto colectivo. Se institucionalizamos as "Rúas de Xogo" e damos voz real á infancia a través do Consello das crianzas de forma permanente e non só anecdótica faremos de Pontevedra, para sempre, a Cidade da Infancia.