O pleno da corporación do Concello de Barro aprobou este venres o orzamento municipal para o ano 2026. Unhas contas que ascenden a 3.377.140 euros, cun incremento de 130.640 euros. Destacan, aseguran desde o goberno local, pola conxelación un ano máis das taxas e impostos municipais, polo reforzo da política social, o o equilibrio económico e o rigor no gasto. Ao aprobarse no mes de novembro, cunha tramitació en tempo e forma, os orzamentos poderán empezar a executarse a partir do 1 de xaneiro. "Desde 2020 Barro mantén débeda cero, e iso permítenos planificar con estabilidade, actuar con rigor e seguir priorizando ás persoas", defendeu o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes. "O noso obxectivo é que os veciños poidan ver reflectido o seu benestar na vida cotiá, cun Concello estable e comprometido coas necesidades da comunidade", afirma o rexedor. Entre os aspectos que pretenden resaltar atópase o investimento en política social con 864.000 euros, o que representa o 21% do total do orzamento. Increméntase de feito en 120.000 euros para reforzar os servizos de apoio ás familias, maiores e persoas en situación de vulnerabilidade. Ademais as contas da administración local contemplan partidas para o mantemento de infraestruturas, obras de mellora nos espazos públicos, programas culturais e deportivos, así como accións de desenvolvemento económico local.