O pleno da corporación de Marín deu luz verde á adxudicación definitiva do servizo de recollida de residuos urbanos para o próximos dez anos. Tras a aprobación inicial na sesión anterior, as empresas Urbaser, para o lote 1, e Arroupa, para o lote 2, presentaron a documentación requirida, o que permitiu declarar válida a licitación e adxudicar de maneira formal os contratos, notificados tamén ao resto de licitadores. A partir de agora, abrirán un prazo de quince días hábiles para a posible presentación de alegacións. A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, subliñou a importancia do novo servizo, que contará cun importe total de 17 millóns de euros. Sanmartín destacou que se trata dun contrato fundamental para o municipio e de gran repercusión na vida diaria dos veciños, e lembrou que o lote 1 ten unha duración de dez anos e que, polo seu alcance, afectará ao próximos tres mandatos. A concelleira tamén aproveitou para pór en valor a actitude dos traballadores do servizo, aos que agradece "que non cedan ante chantaxes e respectasen a lealdade á cidadanía, priorizando a negociación á hora de establecer as súas condicións laborais e non comprometendo o servizo". Un dos principais avances que inclúe o novo servizo será o aumento de case un 35% na capacidade mínima total dos colectores, que alcanzará o catro millóns de litros. Ademais, incorporarase o colector de cor marrón para os residuos orgánicos, deixando o verde unicamente para a fracción resto. O servizo manterá a recollida específica de aveños, que seguirá funcionando como até agora, e contará cun novo punto limpo móbil que percorrerá diferentes zonas do municipio para facilitar a reciclaxe de residuos domésticos como pilas, móbiles, baterías, cartuchos de tinta ou cápsulas de café. Tamén se instalarán tres novos colectores de gran capacidade, de 30 metros cúbicos, destinados ao uso das brigadas municipais, ademais de conservar os colectores soterrados da Rúa do Sol. O contrato contempla así mesmo un incremento do número de colectores e unha ampliación dos horarios de recollida, que incluirán os domingos no centro urbano. No ámbito laboral, o acordo suporá unha mellora do 22% no salario dos traballadores.