Falar de Victoria Díaz (para todos, Toya) é falar de convicción serena e de cultura como ben común. Nuns momentos chave para o Ateneo de Pontevedra, que celebra eleccións á súa Xunta Directiva, Toya irrompe cunha candidatura que combina oficio e renovación, e que sitúa a unha muller ao fronte dunha institución histórica onde o seu liderado suma e representa. O seu equipo -maioritariamente feminino- é unha declaración de intencións: xestión achegada e transparente, máis participación, máis colaboración cos barrios e colectivos, e un Ateneo que convoque a xeracións distintas sen perder a súa memoria. Con esa mestura de rigor e calidez que a define, Toya propón abrir portas e ventás: programación contemporánea sen esquecer a divulgación, o pensamento crítico xunto ás artes, alianzas estables e unha relación cotiá coa cidade. Non é só un programa: é unha forma de facer. E desde aí, Toya Díaz preséntase como a candidata capaz de ampliar a casa común da cultura pontevedresa. - Dime unha pregunta que non che gusta que Te fagan. Non me gusta que o médico me pregunte o peso (risas). Tampouco as preguntas que veñen con mala intención e das que xa notas que non interesa a resposta. - Como é a túa relación con Pontevedra? De nacemento e escolla. Menos cinco anos que vivín en Cáceres, sempre vivín en Pontevedra. Para min o ten case todo. - Como te definirías? Optimista, familiar e moi de grupo. Gústame estar rodeada de amigos e sempre estou organizando cousas para velos. Eu son moi de invitar a xente á casa. - Con que xeración te identificas máis: baby-boom, X ou millennial? Que características dirías que ten? Coa X: somos ponte entre o analóxico e o dixital; aprendemos a escoitar en persoa e a compartir no online, e iso axuda moito a tecer comunidade. - Toya, que che move a dar este paso? Móvenme o afecto e a ilusión. Nos últimos anos, grazas ós amigos, fun descubrindo a intensa vida cultural de Pontevedra, e o Ateneo de Pontevedra sempre está presente. A min nos momentos duros son tres cousas as que me salvan: a miña xente, a natureza e a cultura (literatura, música, cine, pintura, etc). Coas dúas primeiras estou en paz, á terceira debíalle algo e, mira por onde, xurdiu a oportunidade. - "O Ateneo que latexa" é o lema elixido para presentar a vosa candidatura ás persoas socias; que queredes transmitir con el? Que o Ateneo é máis ca unha axenda de actos: é vida compartida. "Que late" significa que hai pulso humano, conversa con respecto, curiosidade que se contaxia e ganas de volver. É un recordatorio sinxelo de que a cultura nace cando nos xuntamos e facémola entre todas e todos. É unha chamada sinxela: veña quen queira sumar, aquí hai sitio. - Que precisa un Ateneo para latexar: persoas, ideas, espazos…? Precísanse voces diversas que se recoñezan e se dean lugar. Ideas con columna vertebral -claras, sinxelas- para que a conversa non se perda. E uns espazos que axuden ao ritmo: entrada doada, silencio cando toca, proximidade suficiente para mirar aos ollos. Cando esas pezas encaixan, unha asociación colle pulso. - Como queres que participe a xente socia no día a día? Tendo todos voz e sitio. É importantísimo que cada persoa sinta que tamén é parte do latexo. - Que é a amizade? Lealdade, estar sempre aí. - Se puideses viaxar no tempo, irías ao pasado ou ao futuro? Eu me quedo no presente. - Unha parte da túa casa que che apeteza intervir? Darlle voltas a todo cada seis meses. Cando as miñas fillas me ven coa cinta métrica... - Dime unha canción que che emocione. Dúas: Momentos (J. Iglesias) e Another Brick in the Wall (Pink Floyd) - Frío ou calor? Frío: axuda a pensar con claridade… e a que a tertulia cun café saiba mellor. - Que hai despois da vida? O que recordan os demais de nós. - O último capricho que te deches? Un cadro dun amigo. - Cando dixeches por última vez "quérote"? A quen? Esta mañá, ás miñas fillas... e á miña cadela. - A quen che gustaría ver nesta sección? A Rafa Córdoba. - E por último, que vas facer en canto remate a entrevista? Vou ao cine, no Teatro Principal. O CUESTIONARIO Nunca saio da casa sen... móbil. Na miña neveira sempre hai… un limón empezado. No meu armario destaca… a comodidade. A idade é… liberdade con sentidiño. Sempre fun... o olliño dereito dos meus irmáns. Pontevedra ten alma de… praza aberta. Creo en… o traballo en equipo. O ano que marcou a miña vida foi… 1999. O mellor agasallo que me poden facer é… unha sobremesa longa coas persoas queridas… O meu lugar no mundo é… calquera con amigos Se non puidese vivir en Pontevedra viviría en… Santiago, por esa conversa eterna entre rúas e cultura. O meu momento favorito do día é… o serán nos soportais, cando a cidade baixa o ritmo. Pontevedra… a cidade que latexa