Un grupo numeroso de traballadoras e traballadores de Correos e Telégrafos concentrábase na tarde deste xoves 13, facendo fronte á chuvia, diante da oficina central da rúa Oliva, en Pontevedra, convocados pola CIG. Reclaman á dirección da empresa pública un reforzamento inmediato do persoal e o remate das prácticas que consideran abusivas. Baixo o lema "Máis persoal para o servizo postal", alertaron sobre a grave falta de efectivos nas carteirías e oficinas, unha situación que, segundo o sindicato, está a provocar serios problemas de saúde física e mental entre o plantel. A CIG destaca que a non cobertura de vacantes, baixas, vacacións, permisos e licenzas está a disparar os cadros de estrés e ansiedade, ademais de xerar desmotivación e unha sobrecarga laboral insostible. A progresiva diminución dos recursos humanos repercute directamente no deterioro do servizo de reparto e de atención á cidadanía, segundo os representantes sindicais. Esta problemática, explican, responde á política xeneralizada de recortes e precarización no servizo postal público, mentres os altos cargos e directivos manteñen salarios elevados e bonus considerados indecentes polo sindicato. Ante esta situación, Unidades de Reparto doutros municipios, como Sanxenxo, Bueu, O Porriño ou Lalín, están a protestar nos últimos meses. Protesta de persoal de Correos diante da oficina da rúa OlivaCIG A CIG esixe á dirección de Correos medidas urxentes para reforzar os cadros de persoal e poñer fin á actual carga sufrida polo seu persoal.