A residencia de maiores de Campolongo viviu este xoves unha xornada de dobre estrea. Acolleu a primeira actividade da programación de Culturgal 2025 e, de paso, puido saber como funciona o novo salón de actos habilitado no centro. A Feira das Industrias Culturais Culturgal comezou este ano unha nova liña de traballo para que o festival teña máis presenza na cidade de Pontevedra, chegando a espazos que non teñen acceso habitualmente aos espectáculos culturais. E a primeira desas actividades foi na tarde deste xoves unha dobre función do espectáculo O Novo na residencia de maiores de Campolongo, en colaboración co Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT) de Carballo. O espectáculo, creado por Dani Blanco, Fran Godón e Anna Figueiredo, conta unha historia inspirada nun feito real ocorrido nos Países Baixos dunha persoa que comeza a traballar nunha residencia de maiores. É traballador e tamén estudante. Un acordo coa universidade permítelle vivir alí sen pagar aluguer, a cambio de compartir tempo cos residentes. Clown, poesia e música danse a man para interpretar a súa experiencia no escenario, cun espectáculo cargado de emoción e risas. Dani Blanco deu vida a ese personaxe e, baixo a dirección de Fran Godón, ofreceu un espectáculo que mantivo concentrados a todos os asistentes. O director do centro, Juan José López, confirmou que máis de 40 residentes asistiron ao espectáculo, ao redor da metade dos usuarios actuais do centro, 88. Confirmou tamén que esta actividade é a primeira do novo salón, habilitado durante as obras de reforma que están xa na súa recta final no centro. O novo salón, un auditorio con escenario e patio de butacas, estará cheo de actividade a partir de agora, pois, tal e como confirmou o director, xa teñen unha ampla programación para as próximas semanas. "Pontevedra sempre nos trata moi ben", agradeceu. [galleries:vertical:10853]