Once entidades da provincia foron recoñecidas pola Deputación de Pontevedra coa segunda edición do premio "Boas Prácticas en Igualdade", destacando o seu labor diario na loita pola igualdade e contra a violencia de xénero. Os galardóns entregáronse este xoves no Pazo provincial, nun acto presidido por Luis López, quen resaltou que acadar unha sociedade plenamente igualitaria require o compromiso de toda a cidadanía. Os premios foron concedidos nas categorías de iniciativa social, cultura, deporte e educación. A Morada Rosa de Vigo foi distinguida pola creación de espazos seguros para mulleres; en cultura, a asociación Xiria de Cangas polo seu impulso a actividades cívicas e culturais; en deporte, Traviesas Hockey Club; e no ámbito educativo, o CEIP Rosalía de Castro de Vilagarcía de Arousa polos seus programas de igualdade. Tamén se entregaron accésits e tres recoñecementos honoríficos a proxectos e entidades que promoven a igualdade, como o Centro Penitenciario da Lama e os concellos de Marín e Silleda. Durante a cerimonia, a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, recoñeceu o traballo dos colectivos que "impulsan co seu labor, determinación e exemplo cara unha sociedade máis igualitaria e hoxe ampliamos ese legado que nos inspira". O presidente Luis López expresou o desexo de que, nun futuro, este tipo de premios deixen de ser necesarios porque a igualdade xa sexa unha realidade: "Mentres haxa unha soa vítima da violencia de xénero non haberá nada que celebrar. Si moito que lembrar, comezando polas que non están". Asistentes á entrega do segundo premio Boas PrácticasDeputación de Pontevedra - Rafa Estévez A gala tamén lembrou ás dúas vítimas de violencia de xénero na provincia, reivindicando que a loita pola igualdade debe continuar.