Galicia arde, e volverá arder

Wait 5 sec.

O lume volveu situar Galicia no mapa da emerxencia. Máis de 60.000 hectáreas arrasadas só en Ourense —equivalente a queimar 86.000 campos de fútbol se temos en conta para eles unha medida estandarizada de 0,7 hectáreas—, aldeas evacuadas, ríos cubertos de cinsas, ceos tinguidos de vermello. As imaxes lembran as dos incendios de 2006, 2017 e 2022. O guión repítese: a vaga de calor, a faísca inicial, o avance descontrolado das lapas e, finalmente, a declaración oficial que insiste en que "a resposta é eficaz e sen precedentes". Porén, a sensación na cidadanía é a mesma ano tras ano: Galicia arde, e nada cambia. Un monte convertido en polvoreira O primeiro paso para entender a repetición desta traxedia está no modelo forestal galego. Galicia é un territorio feito, literalmente, de combustible. O monocultivo de especies pirófitas como o piñeiro e, sobre todo, o eucalipto, converte cada verán nunha ruleta rusa. Segundo datos da propia Xunta, a comunidade xa superou as 413.000 hectáreas de eucalipto, unha cifra que se marcara como límite para o ano 2040. É dicir, o obxectivo de expansión acadouse con máis de quince anos de adianto. O eucalipto medra rápido, ofrece beneficios inmediatos á industria pasteira e resiste en solos degradados, pero a cambio favorece incendios máis intensos, empobrece a biodiversidade e coloniza o territorio a grande velocidade. Lonxe de deter esta expansión, proxectos como a macro fábrica de celulosa de Altri en Palas de Rei ou a permanencia de Ence na ría de Pontevedra apuntan cara un futuro cunha presenza aínda maior desta especie. "Cada hectárea nova de eucalipto é unha hectárea máis de risco", alertan desde colectivos ecoloxistas. A grande ausente: a prevención Se nove de cada dez incendios teñen orixe humana —como recorda a Sociedade Galega de Historia Natural—, o que transforma unha faísca nun desastre é a falta de planificación. Galicia é un mosaico de propiedades minifundistas, moitas delas abandonadas, onde apenas se realizan labores de limpeza. Os cortalumes non son efectivos, a gandería extensiva está en retroceso e o rural perde poboación ano tras ano. Neste contexto, calquera lume atopa combustible ilimitado para se propagar. A política institucional, en cambio, céntrase en reforzar os medios de extinción durante o verán. Helicópteros, brigadas e camións. A maquinaria contra o lume é poderosa, pero só se activa cando o incendio xa está en marcha. A administración gasta en apagar, pero non en evitar.. O resultado é un círculo vicioso: o lume arrasa, as choivas arrastran as cinsas aos ríos, e sobre ese chan degradado medra de novo o eucalipto. As consecuencias das que non se fala Un incendio non se mide só en hectáreas queimadas. As súas consecuencias son máis profundas e menos visibles. Na saúde da poboación: as columnas de fume conteñen partículas finas que afectan ao sistema respiratorio e cardiovascular. As aldeas próximas viven días enteiros con fiestras pechadas e os seus habitantes empregan máscaras improvisadas para se protexeren. Nos ecosistemas acuáticos: as cinsas arrastran metais pesados e compostos canceríxenos a ríos e rías. En 2006, varios bancos marisqueiros perderon miles de toneladas de ameixa en poucos días. Na economía local: pastos, madeira, colmeas e cultivos desaparecen co lume. Os gandeiros tardan anos en recuperar o perdido por moitas subvencións coas que as administracións regan todo despois. Na biodiversidade: especies animais e vexetais desaparecen, e o eucalipto aproveita o terreo queimado para colonizar con máis forza. Estas consecuencias raramente aparecen nos titulares da prensa. Os informativos repiten a superficie queimada e o número de efectivos despregados, pero poucas veces explican como un incendio altera de raíz a vida dunha comunidade. O relato oficial e os silencios mediáticos Cada vaga de incendios trae consigo a mesma narrativa institucional: os culpables son os incendiarios, a resposta foi rápida e sen precedentes, a culpa é do contrario ao que goberna na rexión, os danos poderían ser peores. É un relato que se reproduce case sen matices nos principais medios galegos. O xornalismo, porén, non debería limitarse a amplificar a voz das institucións. Como lembraba James Carey (2009), a comunicación non é só transmisión de datos, senón un ritual social que axuda a dar sentido ao mundo compartido. Se os medios non explican por que Galicia arde cada verán, están deixando á cidadanía sen as ferramentas necesarias para comprender e actuar. Do mesmo xeito, Kovach e Rosenstiel (2014) subliñan que a primeira lealdade do xornalismo é coa cidadanía, non co poder. Isto significa preguntar quen se beneficia da expansión do eucalipto, por que a prevención non recibe recursos suficientes ou que impacto teñen as cinzas nas rías. Cando estas preguntas non se formulan, o xornalismo perde a súa función de perro guardián da democracia. E, como lembraba Pierre Bourdieu (1996), os medios teñen o poder de visibilizar ou ocultar. Ao reducir a cobertura a hectáreas queimadas e medios despregados, invisibilízanse as causas estruturais e mantense intacto o modelo forestal que alimenta os incendios. O futuro que nos agarda Galicia é, en moitos sentidos, un laboratorio do que pode ocorrer noutras rexións mediterráneas. O cambio climático multiplica as vagas de calor extremas, o abandono rural deixa o territorio sen xestión e o monocultivo forestal crea un polvorín perfecto. Sen un cambio radical —diversificación de especies, recuperación do bosque autóctono, incentivos á gandería extensiva, ordenación forestal con criterios ambientais—, os incendios serán cada vez máis agresivos e difíciles de controlar. O titular, dentro dunha década, será o mesmo: "Galicia arde". Ollo coa imaxe na era da narrativa visual Vivimos nun tempo dominado polas redes sociais e pola cultura da imaxe. As lapas espectaculares, as casas arrodeadas polo lume e os helicópteros descargando auga ofrecen unha narrativa visual poderosa que alimenta o consumo rápido de noticias. Pero o xornalismo non pode quedar atrapado nesa superficie teatral. As imaxes atraen clics, pero se non se acompañan de contexto, análise e memoria, converten a información en espectáculo. O verdadeiro xornalismo é o que explica por que arde Galicia, quen sae beneficiado, que consecuencias se agochan e que alternativas existen, porque as hai. Só así poderá cumprir a súa misión esencial: servir á cidadanía. Referencias Bourdieu, P. (1996). Sobre la televisión. Barcelona: Anagrama. Carey, J. W. (2009). Communication as Culture: Essays on Media and Society (Revised Edition). New York: Routledge. Kovach, B., & Rosenstiel, T. (2014). The Elements of Journalism: What Newspeople Should Know and the Public Should Expect (3rd ed.). New York: Three Rivers Press.