O Concello de Poio escolleu a parcela na que creará o primeiro parque infantil público de Samieira. A parcela en cuestión, asegura o goberno local, atópase nunha situación privilexiada: no centro de Samieira, na Praza Alfredo Romay Besada e xusto á beira da coñecida Ruta dos Muíños. Trátase dun terreo lindeiro a unha leira municipal, o que vai permitir contar cun espazo amplo e accesible. "Podemos dicir con orgullo que cumprimos cun compromiso e saldamos unha débeda histórica coa infancia de Samieira", afirma o concelleiro da parroquia, Manuel Domínguez, tras pechar o acordo coa persoa propietaria da parcela. "Para este Goberno era de xustiza que Samieira contase no primeiro mandato cunha área de xogos infantil, e tras dialogar cos veciños e coñecer as súas opinións, conseguimos pechar un acordo moi beneficioso coa persoa propietaria do terreo, á que lle agradecemos a súa disposición", explica o edil. Unha vez conseguidos os terreos o seguinte paso, explica o Concello, será redactar o proxecto e buscar financiamento para que sexa unha realidade o antes posible. Esta actuación, explica Domínguez, súmase ao plan de mellora e remodelación de áreas infantís en todo o municpio. Este plan inclúe por exemplo a mellora dos parques infantís de Anafáns, Combarro, Chancelas e A Seca, nos que se actuou nos últimos meses, así como a remodelación dos parques de Ánkar e Lourido e a creación dunha área multideportiva en Vilariño.