Xoel López, en Río Verbena: "Este concerto faime tilín, préstolle un extra de atención pola afinidade que teño con Pontevedra"

Wait 5 sec.

Xoel López (A Coruña, 1977) estará na "casa" o venres 22. Chega a Pontevedra como cabeza de cartel de Río Verbena Fest, unha cita musical na que xa actuou en 2023 e para a que anuncia unha "sorpresa", unha versión inédita, e un repertorio pensado para o público da cidade, ao que coñece ben e aprecia. Repites en Río Verbena con só 2 anos de diferenza. O público atoparase a un Xoel López diferente? É unha pregunta difícil. Si, distinto ao que viu hai 2 anos, porque eu preocúpome especialmente de que cada concerto sexa diferente, mesmo ás veces cambiando repertorios expresamente para cada concerto. Por sorte, a día de hoxe teño unha paleta de cores, moito repertorio e unha banda coa que levo traballando moitos anos e enseguida nos poñemos as pilas para preparar algo. Ademais, pasaron 2 anos, saquei un disco novo. E sempre fago o concerto que eu querería escoitar. Iso non quere dicir que lle vaia gustar a todo o mundo, pero, como melómano e musiqueiro que son, póñome na situación e digo, "Si eu estivese en Pontevedra, de vacacións ou non, no verán, á unha e media da mañá, nun festival deste tipo, que me gustaría escoitar?". Pontevedra é casa, coñézoo perfectamente, sei de que falo, obviamente, pero fágoo sexa en Sevilla, en Cantabria ou en Palma de Mallorca. Falas de que Pontevedra é casa. Esa experiencia, e os concertos previos, axúdanche a adaptar a setlist? Claro. Tamén inflúe o feito de que levamos tocando todo o ano. Foi dos máis intensos probablemente da miña carreira. Empezamos con xira de salas en xaneiro e non pairamos e nótoo coa banda. Teño a sorte de ir cunha banda que xa está moi engrasada e coa que levo moito concerto encima. E vou cambiando. Fágoo para que a xente non vexa o mesmo concerto e tamén pensando en nós mesmos, que temos sempre a sensación de refrescar o repertorio, de sentir que hai algo novo, algo que te fai estar un pouco máis alerta e que nos dea un pouco de vidilla. Vés de todo o inverno de xira en salas, aínda que tocaches tamén no Atlantic. O espazo cámbiao todo? Si. O contexto condiciona o repertorio totalmente.Tocar nun festival como o Atlantic ou o Río Verbena é tocar ao aire libre, a segundo que hora, a xente normalmente cunha cervexa na man, nun plan como máis festivo. E nas salas é máis recollido, toda a xente, en principio, sabe o que vai ver, paga polo que quere e ti tamén xogas con iso. Nunha sala, por exemplo, tocaba o disco enteiro. Non podo dicir moito aínda, pero aínda quedan algunhas salas para terminar o ano, para facer unha especie de tocada final nalgún sitio no que non estivemos. E con iso quere dicir que será en Galicia. Hai artistas que non se adaptan, fan o seu e punto. Iso xa depende de cada un. Ti si adaptas? Eu, como son melómano e musiqueiro, póñome sempre no lugar do público, non o podo evitar. Facendo o meu e respectando 100% o meu repertorio e a miña forma de entender a música, non me importa coller X cancións no canto doutras. E tamén é verdade que nas salas xa me quito a espiña de tocar o disco enteiro e nos festivais son o primeiro que quere divertirse un pouco máis, tocar un vello éxito e saber que iso é un subidón. Creo que é unha cousa que é empática, pero tamén simpática, ao final vai e vén. Eu díxeno de toda a vida, os concertos facémolos entre o público e os músicos. Si non hai unha comuñón, non serve de nada, non se crea o que para min é un bo concerto. Conectas igual co público en Pontevedra, na túa terra, e no resto de España? Tento facelo, pero é verdade que nalgúns sitios tes un pouco máis de de filia. Pontevedra, concretamente. O meu manager vive en Pontevedra; teño amigos en Pontevedra; desde neno, cos meus pais, a pesar de ser eu de Coruña, veraneo á beira de Pontevedra; fun a Pontevedra un millón de veces; seime até o himno do equipo, porque tiña amigos que mo ensinaron cando tiña 17 ou 18 anos. Para min é tocar na casa ,e ademais, é unha desas cidades ás que lle teño un agarimo especial. É unha cidade que sempre dixen na que podería vivir. Esíxeste máis a ti mesmo polo feito desa proximidade? Si, si, si. De feito, preparei algunha cousiña especialmente para este concerto porque para min é un concerto que me fai tilín, ao que lle presto un extra de atención precisamente por esa afinidade que teño a nivel persoal. Vou facer unha canción que non facía desde o 2008 e que ten a súa historia. Xa o contarei no concerto, pero vai haber algunha sorpresiña. A xira en salas foi con Caldo Espírito. Este concerto tamén? Que nos imos atopar? Hai catro ou cinco temas de Caldo Espírito, pero neste punto do ano, vou apostar por un repertorio máis variado. Un 30% ou 40% é o disco novo, pero todo o demais son un pouco 'hits' ou o que eu entendo que son as miñas cancións máis coñecidas de diferentes épocas. É o que me gustaría a min escoitar. E que sensación che gustaría que levase á casa o público? De conectar coas súas emocións. O máis importante para min é que a xente se vaia sentindo cousas, conectado con partes do seu mundo emocional que se cadra as ten un pouco durmidas ou apagadas ou bloqueadas. Creo que hai algo terapéutico nos concertos, eu polo menos síntoo así, tanto tocando como escoitando a bandas. Tento acordarme moito da sensación que eu teño cando estou de público. Cando vou ver un concerto que me gusta, sinto cousas moi especiais e é como unha pequena viaxe. Tamén pasa cando les un libro ou cando vas ver unha boa película, que saes e durante un tempo estás como cambiado. Se fose o titular, diríache: gustaríame que teña a sensación de cando saes dunha boa película. Sempre exploraches novos sons, sobre todo nos últimos traballos. Cara a onde vas agora? Un pouco á deriva sempre, porque son moi de improvisar, de ir facendo o que se me vai ocorrendo. Non teño un plan establecido nunca. Podo ter un plan establecido de xira, porque son cousas que tes que premeditar, pero na parte artística, na creatividade musical, vou moi sobre a marcha. Vou facendo cancións e, ás veces, unhas falas nun contexto, outras noutro e ao final eu penso que todas forman parte da miña vida e reflicten o que un sentiu ou o que un foi ese ano e medio. Se cadra hai mesmo cancións que se contradin ou que falan de sentimentos opostos, pero todo é parte da vida. Sempre entendo que a vida é complexa, non é unha liña recta e eu vou cantando sobre o que sinto. Tes algo novo en carteira agora? Teño varios proxectos na cabeza e non sei moi ben como estou. Píllasme xusto nun momento de dúbidas, porque estaba a querer refacer cancións do pasado e, ao mesmo tempo, estou a compor cancións. Non sei moi ben que vou á priorizar, pero chéirame a que haberá disco novo o ano que vén, probablemente. Quizais algunha colaboración? Iso non o teño pensado. Se cadra xorde, pero aínda non está na miña cabeza porque non teño nin proxectos fixos. Todo se andará. Botando a vista atrás, repetirías todos os pasos que deches ou hai algo que non farías? Repetiríao, sen dúbida. Creo que podo mirar cara atrás con orgullo. Non quere dicir que non teña erros. A nivel da industria musical, cargueina moitas veces, asinei contratos dos que me arrepentín, topeime con xente marabillosa e con xente que non, fixen cancións mellores e peores. Aínda que iso tamén é moi relativo. Sempre poño o exemplo do disco de Deluxe do 2005 de Los jóvenes mueren antes de tiempos. Colléralle un pouco de teima e moita xente dime, "Joder, pois é o meu favorito." En fin, tantas cancións, tantos discos xa que vivín un pouco todas as sensacións. Pois 16 discos levas... Creo que si, ou 15. O outro día miraba que teño 192 cancións rexistradas en discos e digo: "Miña nai". E recoñéceste naqueles primeiros acordes de Deluxe? Si, si. Mesmo estou nunha fase doce con ese pasado, con segundo que etapa de Deluxe, sobre todo a etapa final. Verédelo en Pontevedra. Estou a tocar cancións desa época. Que no, por exemplo, que durante anos non a podía tocar porque acabara un pouco farto. Un, ao final, é curioso, vaise reconciliando tamén con cancións. O tempo vai colocando todo no seu lugar. O que si podo garantir é que nunca toquei unha canción que non sentise minimamente. É dicir, se unha canción, polo que sexa, penso: "non estou aí xa, ou non son capaz de defendela ou non a sinto", non a toco. Para terminar, avánzasme unha das que vaias tocar? A sorpresa prefiro non dicircha. E o resto, pódoche dicir que soarán de Deluxe Que no, Reconstrución, El amor valiente, que hai moito que non a toco. Soarán cancións como Terra, O Paxaro do demo, que fixen con Baiuca sobre o meu tío avó, Florentino López, cantante cego, violinista. E cancións máis actuais. E até aí podo ler, como dicían no Un, Dos, Tres.