Un xesto que salva vidas tamén en vacacións

Wait 5 sec.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, visitou este xoves a unidade móbil de doazón que se desprazou até Sanxenxo. Durante a súa visita, o conselleiro quixo sumarse a esta acción solidaria doando sangue, e aproveitou para lembrar a importancia de seguir doando tamén no verán, unha época crave para manter as reservas do Servizo Galego de Saúde (Sergas). "Doar sangue é algo moi sinxelo e rápido, e grazas a estas unidades móbiles é aínda máis accesible. É un pequeno xesto que pode marcar a diferenza e salvar vidas, en calquera momento do ano", destacou Rodríguez. A visita forma parte da campaña que ADOS levou até Sanxenxo baixo a lema "Non esquezas doar antes de veranear", unha iniciativa que busca concienciar á cidadanía galega sobre a importancia de doar sangue tamén durante os meses estivais, cando as doazóns adoitan diminuír. Como agradecemento, todas as persoas que se acheguen a doar recibirán un pequeno obsequio. POR QUE ES TAN IMPORTANTE DOAR NO VERÁN? ADOS advirte de que as reservas de sangue dos grupos A+, A- e 0+ atópanse actualmente en niveis baixos, e fai un chamamento a toda a poboación para que se anime a doar. A campaña especial de verán percorrerá 220 concellos galegos, nun momento do ano especialmente delicado. Durante as vacacións, moitas persoas cambian as súas rutinas e afástanse dos puntos habituais de doazón, o que complica manter os niveis necesarios para atender aos hospitais. E é que, cada día, necesítanse máis de 400 doazóns en Galicia para garantir as transfusións que requiren intervencións cirúrxicas, transplantes e tratamentos de enfermidades como o cancro ou a leucemia. SANXENXO, EXEMPLO DE SOLIDARIEDADE O pasado ano, Sanxenxo rexistrou un total de 852 doazóns, unha cifra que ADOS celebra e agradece á veciñanza pola súa xenerosidade. Isto supuxo unha taxa anual de 48 doazóns por cada 1.000 habitantes, mellorando en dez puntos os datos do 2023. QUEN PODE DOAR? Calquera persoa entre 18 e 70 anos, que pese máis de 50 quilos e estea en bo estado de saúde, pode achegarse ás unidades móbiles de ADOS ou aos centros de doazón situados nas sete grandes cidades galegas. Alí serán atendidos por persoal sanitario especializado. Grazas á solidariedade de miles de galegos, en 2024 preto de 31.000 pacientes puideron recibir unha transfusión. Sen o seu apoio, sería imposible realizar moitas das intervencións médicas que salvan vidas.