Inculpan tres veciños do Salnés por roubar maquinaria e ferramentas en Cambados, Ribadumia e Meis

Wait 5 sec.

Rozadoras, motoserras, máquinas cortacéspedes e curta-sebes, compresores, bombas de auga e ferramentas de man. É o botín que levaban tres ladróns que acaban de ser localizados pola Garda Civil. Segundo a información facilitada polo instituto armado, axentes do Equipo de Investigación da Garda Civil de Cambados investigan tres homes de 40, 46 e 51 anos, todos eles veciños da comarca do Salnés. Atribúenlles catro presuntos delitos de roubo con forza e un de furto en diversos inmobles. A investigación comezou tras presentarse cinco denuncias por feitos similares na comarca do Salnés, todas elas por subtracción de maquinaria e diversas ferramentas. Froito das xestións realizadas procédese á identificación, localización e posterior inculpación dos presuntos autores dos feitos. Todos deberán pasar a disposición do Xulgado de Garda de Cambados cando sexan citado. Os investigadores lograron recuperar gran parte do material subtraído e unha parte xa se entregou aos seus propietarios. Os obxectos recuperados estarán expostos no cuartel de Cambados en horario de 08.00 a 14.00 horas de luns a venres para a súa identificación polas persoas que interpoñan denuncias por roubos nos seus inmobles.