Os socialistas de Pontevedra expresaron este luns a súa satisfacción os "dous anos de bonanza e progreso" do Goberno de Pedro Sánchez. Nun comunicado difundido polo PSOE pontevedrés apelan "á evidencia dos feitos" da xestión do Executivo central "fronte aos bulos e á crispación ideolóxica dun PP cada vez máis escorado á dereita". Así, o PSOE di que o Partido Popular "mesmo pretendeu converter Pontevedra en Torre Pacheco", en referencia as declaracións do portavoz local do PP, Rafa Domínguez a raíz da pelexa con navalladas da Praza de Barcelos. Os socialistas comparasen esas declaracións dos populares tras aquela liorta no centro de Pontevedra co ocorrido coa agresión o pasado 9 de xullo a un veciño de Torre Pacheco a mans dun grupo de mozos de orixe magrebí que provocou unha escalada do discurso de odio nas redes sociais que derivou en actos de violencia contra o inmigrante e en condutas racistas e xenófobas. A defensa do Goberno de España foi expresada este luns polo portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes; a deputada socialista no Congreso Marica Adrio, e mailo secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia en Pontevedra, David Fraga. O Partido Socialista di que para Pontevedra estes dous últimos anos de mandato de Pedro Sánchez "fixeron posible o despegue económico da nosa cidade e a converteron en capital do emprego, as oportunidades e a calidade de vida". Tal e como sinalou Puentes, este período traduciuse na aprobación do proxecto para construír 73 vivendas a prezos asequibles nos terreos de Defensa en Campolongo e Mollavao. Puentes asegurou que "7 de cada 10 euros investidos en vivenda en Galicia proceden de fondos xestionados polo Goberno de España" e que "máis de 3.600 galegos e galegas están a beneficiarse de bonos de alugueiro de 250 euros". O portavoz dos socialistas de Pontevedra fixo especial fincapé na "política de bonificación de peaxes pola que apostou este Goberno". Iván Puentes tamén quixo poñer en valor os "enormes investimentos" realizados para dar resposta "a demandas históricas que, paradóxicamente, un presidente pontevedrés non precisamente moi querido na súa cidade, como M. Rajoy, volveu deixar enriba da mesa". Entre estas actuacións, Puentes destacou os 31 millóns de euros procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (fondos Next Generation) para financiar toda a recuperación da fachada fluvial do Lérez; os 3,7 millóns comprometidos para destapar o río dos Gafos ao seu paso por Campolongo; os 11 millóns para a reforma do Nó de Bombeiros "tantas veces prometida por Ana Pastor"; o remate da primeira fase da A-57 "e o compromiso de rematala" (un total de 336,5 millóns); a execución do paseo a Marín; ou os 84,5 millóns transferidos á Xunta para o Gran Montecelo. A súa compañeira, a deputada socialista Marica Adrio, sacou peito dos "constantes récords de xeración de emprego" e a "nova revalorización das pensións do 2,8% da que se beneficiaron case 225.000 pensionistas da provincia de Pontevedra".