A piscina municipal de Marín permanecerá pechada entre o 1 e o 15 de agosto para poder mellorar as instalacións e renovar os equipos. Dado o peche da piscina durante dúas semanas, as persoas que teñan abono na piscina só pagarán o 50% da cota mensual durante o mes de agosto. Segundo a información facilitada polo Concello, entre as actuacións a realizar está a instalación do sistema de aire acondicionado na sala fitness. Este sistema permitirá que a práctica deportiva sexa mellor, especialmente nos días de verán. Esta maquinaria supón un investimento de 65.000 euros, que se realiza con cargo ao Plan Extraordinario de Infraestructuras Deportivas da Deputación de Pontevedra. Tamén se renovará a caldeira de agua quente, con sistema ACS. Para esta actuación, é preciso un investimento de 15.000 euros. Queda pendente de cara a setembro a instalación da terceira máquina que se renovará: a deshumectadora, fundamental para o correcto funcionamento da piscina e que ten un custo superior aos 82.000 euros.