A Deputación instará ao Goberno central a que "de maneira inmediata" desbloquee a dragaxe do Lérez

Wait 5 sec.

O grupo provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra presentará este xoves no Pleno unha moción na que se insta a que "de maneira inmediata o Goberno central desbloquee a situación da dragaxe do río Lérez". Os populares teñen maioría absoluta na corporación provincial polo que a súa proposta sairá aprobada independentemente do que voten os grupos da oposición, PSOE e BNG. O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez; a alcadesa de Marín, María Ramallo e o alcalde de Poio, Ángel Moldes; criticaron que o Executivo que preside Pedro Sánchez en cinco anos aínda non teña determinado o punto de vertedura dos áridos para poder levar a cabo a dragaxe. Segundo os populares, dende o ano 2021, esta actuación "atópase bloqueada polo Ministerio de Transición Ecolóxica", xa que prohibiu a vertedura de áridos no punto exterior de Sálvora, paralizando así as dragaxse, non só do río Lérez, senón tamén de todo o litoral galego ao sur de Muros. O pasado mes de maio o secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, manifestou que a contorna da illa de Sálvora "no parece que sea el punto de vertido más adecuado" para depositar os lodos que se extraian do río Lérez. Así o recoñeceu na comisión de Transición Ecolóxica do Senado, tras unha pregunta realizada por Carme da Silva, senadora do BNG, que reclamou que o Goberno non autorice que estes áridos acaben convertendo a ría de Arousa nun "vertedoiro". Morán lembrou que o ministerio encargou un informe ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) que concluíu que Sálvora debería ser considerada como a opción prioritaria "y estamos analizando la información recibida". "Le garantizo que vamos a ser todo lo escrupulosos que hay que ser en estos casos", contestoulle o secretario de Estado á senadora do BNG, ante a que se comprometeu a traballar para "evitar problemas de carácter ambiental". Rafa Domínguez expresou a súa "preocupación" por estas declaracións do secretario de Estado de Medio Ambiente do que dixo "dalle igual igual o que diga o informe", xa que o PP entende que "o que está facendo é un bloqueo absoluto de algo tan necesario para a ría". "Dende o Partido Popular esiximos explicacións a Pedro Morán de este bloqueo, xa que o que estamos vendo é que o Goberno de Pedro Sánchez coa complicidade do BNG de Lores están bloqueado algo tan necesario como ter a nosa ría e o noso río Lérez dragado e saudable", dixo Domínguez. Rafa Domínguez, Ángel Moldes e María Ramallo PP de Pontevedra