Polo menos dez turistas que chegaron á illa de Ons no mes de xullo pensando que alugaran unha vivenda para pasar as súas vacacións atopáronse con que era unha estafa. Unha muller supostamente alugoulles vivendas turísticas e cando chegaron, atopáronse con que xa estaban ocupadas por outras persoas. Estas persoas, ao chegar e detectar a estafa, presentaron denuncias ante a Garda Civil de Marín, pero os investigadores sospeitan que pode haber máis vítimas. De feito, ante a posibilidade de que haxa máis persoas prexudicadas, a Garda Civil recomenda interpor as correspondentes denuncias. As dez xa recibidas presentáronse desde principios de xullo. O Xulgado de Marín investiga os feitos e as posibles denuncias que cheguen a aprtir de agora iranse derivando para a súa sumar á causa. Os feitos deunos a coñecer este xoves a Garda Civil, que indica que unha veciña de Bueu de 38 anos está investigada por un delito de estafa continuada por estes feitos. Segundo informa a Garda Civil, as súas vítimas pagaron os importes correspondentes ao suposto aluguer e a muller chegou a estafar máis de 2.000 euros. A sospeitosa ten xa antecedentes policiais por feitos similares. Aínda que ten domicilio habitual en Bueu, localizárona en Huesca. De cara a evitar novas estafas, cabe lembrar que na Illa de Ons só está permitida pasar a noite no cámping, de modo que non existe a posibilidade das vivendas turísticas. Ademais, desde a entrada en vigor o 1 de xullo de 2025 da nova normativa sobre o aluguer turístico en España, que inclúe o rexistro único de vivendas de uso turístico, un dos requisitos para poder dar de alta unha vivenda e desempeñar a actividade turística, debe acreditar a propiedade, Desta forma las vivendas da illa de Ons quedan fóra do marco legal para o aluguer turístico.