Un Campionato de España Sprint de Piragüismo "cos mellores"

Wait 5 sec.

O Complexo Deportivo David Cal do encoro pontevedrés de Pontillón do Castro, en Verducido, prepárase para acoller de novo a gran cita do piragüismo nacional, o Campionato de España Sprint Olímpico. Unha cita que se disputará desde este venres 1 de agosto e até o domingo 3 con máis de 800 padeeiros inscritos. "En Verducido teremos aos mellores", destacou na presentación do evento o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea, e é que a competición servirá tamén de Selectivo para conformar o equipo español que compita a final de agosto no Campionato do Mundo de Milán. Por iso durante tres intensas xornadas os mellores padeeiros do país mediranse nas distancias de 200, 500 e 1000 metros, en embarcacións K1, C1, K2, C2, K4 e C4, tanto en categoría xuvenil como senior. Galicia será a comunidade con maior participación, con 24 clubs inscritos e até 631 embarcacións. "A competición comeza o venres ás 9.00 da mañá ata o domingo ás 15.00 case de maneira ininterrompida", afirma Bea. Un cóctel que unido ao bo tempo garante o espectáculo, e por iso a edil de Deportes, Anabel Gulías, quixo "animar á veciñanza a que se achegue polo Pontillón", sinalou acompañada tamén polo delegado territorial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides. A competición contará con rentransmisión en directo a través da canle oficial de YouTube da Real Federación Española de Piragüismo.