Pontevedra 'aperta o cinto' coa auga e pide á cidadanía que sexan "responsables" no consumo

Wait 5 sec.

A escaseza de auga na cunca do Lérez, que este xoves situouse nun nivel moi baixo, apenas 1,70 metros cúbicos por segundo -estaba en 1,77 hai dous días-, leva ao goberno municipal de Pontevedra a tomar medidas de cara ao consumo de auga. Aínda que aseguran que a subministración "está garantida neste momento" en todos os municipios aos que Pontevedra lles distribúe auga, o Concello recomenda moderar o seu uso. "Non se prevé a curto prazo que poida chover, máis ben todo o contrario", subliñou este xoves a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, que recordou que o protocolo interno deseñado tras a seca do ano 2022 indica que se deben tomar medidas cando o nivel do caudal baixa de 1,80. Vilaverde destacou que a auga "é un ben escaso" e incidiu en que no verán "hai que ser moi responsables" no seu consumo e intentar non desperdiciala. De aí que o goberno municipal aprobara este xoves diversas recomendacións de cara ao consumo de auga para previr que a cunca do Lérez poida entrar nunha situación alarmante. Estas recomendacións son tanto para os cidadáns particulares como para as empresas. Así, por exemplo, o Concello insta a evitar regos de xardíns, limpar coches particulares ou encher piscinas e eles, pola súa banda, moderarán o consumo municipal de auga en todos aqueles eidos nos que se poida, sobre todo nos baldeos das rúas ou nas fontes ornamentais. Ademais, recomendan a instalación de dispositivos de aforro doméstico así como doutras medidas para evitar o uso innecesario da auga, tales coma a utilización de sistemas de aforro de auga nas billas, pechar a billa durante o cepillado ou empregar a ducha no lugar do baño. "Parecen cousas sen importancia pero temos que ser conscientes de que non somos nós sós os que empregamos a auga", destacou a alcaldesa accidental. Con respecto as empresas e as industrias, o Concello pide minimizar o consumo e que se faga un "uso razoable" da auga, tendo en conta que o "prioritario" é o o abastecemento á poboación. O executivo pontevedrés agarda que a cidadanía "tome conciencia" da importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, "evitando o malgasto e minimizando os usos prescindibles".