Non hai mes máis festeiro que agosto e no Concello de Cerdedo-Cotobade ben o saben que comezan dende o primeiro día con festas a pares. Así, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o tenente de alcalde Fernando Vázquez, e membros da Comisión de Festas fixeron público o programa lúdico-festivo que se desenvolverá os días 1 e 2 de agosto na honra de San Xusto e San Pastor que terán lugar na Carballeira. O programa festivo comeza o venres ás 13 horas cunha misa na Capela de Lixó na honra da Virxe das Neves, seguida de procesión acompañada polo grupo de gaitas Foula de Cotobade. Ás 20 horas terá lugar a saída da procesión desde a igrexa parroquial acompañada pola Banda Unión Musical de Tenorio e, á chegada á Carballeira, oficiarase unha misa. Ese mesmo día, ás 21:30 horas terá lugar na Carballeira un concerto da Banda Unión Musical de Tenorio e a partir das 21:30 horas haberá unha gran churrascada a prezos populares que agardan ter uns 600 comensais. Poderán retirar tickets de maneira anticipada no Bar Amoedo. Ás 23:30 horas terá lugar un concerto protagonizado polo grupo EleBé 2.0 e de seguido terá lugar a verbena amenizada polo grupo Los Coleguitas. O sábado 2 de agosto a actividade comezará ás 13 horas coa misa solemne na Capela de San Xusto na honra deste santo e de San Pastor. A continuación terá lugar a procesión. Ás 14 horas, haberá unha actuación do grupo de gaitas Os Trazantes de Tenorio e, pola noite a partir das 23 horas, a verbena estará amenizada pola Charanga Os Encerellados. Presentación das Festas de Borela Concello de Cerdedo-Cotobade Jorge Cubela tamén presentou xunto aos membros da Comisión de Festas de Borela o programa que se desenvolverá os días 1, 2 e 3 de agosto na honra de San Antón e a Virxe das Dores. O programa combina actividades relixiosas, música en vivo, gastronomía popular e animación nas rúas, reunindo veciñanza e visitantes nun ambiente de celebración. Ademais, segundo explicou o alcalde Jorge Cubela, estas festas contan coa colaboración do Concello de Cerdedo-Cotobade e o apoio da Deputación de Pontevedra a través dos seus respectivos plans culturais. O venres 1 de agosto a programación comeza pola noite cunha gran verbena a partir das 22:30 horas, amenizada polo Grupo Alkar e o Trío Somoza. O sábado 2 de agosto, as celebracións serán na honra de San Antón e comezarán cun pasarrúas a cargo de "Os Afoutes do Canón de Pau". Ás 13:00 horas terá lugar a misa solemne, seguida da procesión e, a continuación haberá sesión vermú amenizada pola mesma banda. Ás 21:00 horas celebrarase unha gran churrascada popular (churrasco + chourizo + pan, por 10 euros), con venda anticipada de tickets en Bar A vosa Taberna, Bar Blanco e Bar Senra. Pola noite, a partir das 22:30 horas, celebrarase unha gran verbena, esta vez co Grupo Oro Negro e o Dúo Marema. Polo que respecta á xornada do domingo 3 de agosto, a festa estará destinada a honrar á Virxe das Dores e comezará pola mañá cedo cun pasarrúas a cargo do grupo de gaitas "A Pedra do Cervo". Ás 12:00 horas terá lugar a entrada no campo da festa a actuación da Banda Unión Musical de Tenorio e ás 13:00 horas, oficiarase unha misa solemne e procesión, seguida de sesión vermú amenizada pola mesma banda.