O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, asinaron un convenio de colaboración para o financiamento do proxecto de humanización da rúa Escola de Tiro naval Janer e a mellora da accesibilidade da Finca de Briz. O acordo, asinado no marco do Plan Extra de investimentos, ascende a preto de 1,6 millóns de euros e que serán financiados pola Deputación de Pontevedra cunha achega de 1,1 millóns de euros. O proxecto busca transformar unha zona de elevado tránsito nun espazo urbano accesible, seguro e adaptado ás necesidades dos seus usuarios. Esta actuación céntrase na mellora da conectividade peonil e vehicular entre o núcleo urbano e a Finca de Briz (tamén coñecida como o Parque dos Sentidos), un dos espazos naturais e culturais máis importantes de Marín. A intervención contempla a renovación completa da rúa cun novo deseño que reducirá a anchura da calzada, priorizando as beirarrúas adaptadas para persoas con mobilidade reducida, e introducindo elementos de mellora da seguridade como pasos elevados e limitación da 30 km/h. Tamén se soterrarán as redes de telecomunicación e baixa tensión, se renovará a iluminación con novas luminarias eficientes, se renovarán a drenaxe e o saneamento e se reforzará a visibilidade nas zonas de cruce. Ademais, incorporarase un andén mecánico que facilitará o acceso para persoas maiores ou con dificultades de mobilidade. Por último, mellorarase o mobiliario urbano e plantarase arborado. A colaboración da Deputación de Pontevedra co Concello de Marín non se limita unicamente ao Plan Extra xa que o Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial arredor de 2,4 millóns de euros a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.