O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolleu este venres a inauguración da obra "Dalia", de Marta Pazos, dentro do ciclo de exposicións Infiltracións, un programa que ten como propósito realizar intervencións específicas relacionadas con obras do Museo. A pontevedresa Marta Pazos é directora de escena de teatro e ópera, escenógrafa, dramaturga e artista visual. Nas súas montaxes, a cor aparece de maneira radical para impactar na retina do público e transformar a súa percepción. Así é tamén en Dalia, onde homenaxea a súa avoa a partir das flores do xardín da súa casa en Marcón, que conectan coas obras con motivos florais conservadas no Museo. Marta emocionouse coa lembranza da súa avoa "unha grande mestra de vida, fermosa, traballadora incansable, cun sentido do humor fóra do común e un amor extraordinario pola Natureza" así era Dalia que "morreu coas zocas postas" durante a pandemia do Covid. A exposición estará aberta ao público entre este 1 de agosto e o próximo 30 de novembro. Rafa Domínguez lembrou que "cada ano o Museo convida dúas artistas a investigar e traballar coa colección do Museo", como unha maneira de fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e incorporar progresivamente novas miradas e discursos ao museo, ofrecendo novas lecturas sobre os seus fondos. O vicepresidente da Deputación puxo en valor que "nesta ocasión, Infiltracións forma parte da programación da 32ª Bienal de Pontevedra, que propón como eixo de reflexión Volver (a) ser humanos", o cal constitúe "unha chamada a repensar a condición humana desde múltiples perspectivas". Neste sentido, Domínguez instou o público a que se achegue ao Museo para descubrir "a mirada tan particular de Marta Pazos á hora de dialogar coa colección do Museo, e de converter a fachada deste edificio nun xardín vertical que contaxia tamén o seu interior da súa luz e das súas cores: non se pode entender a condición humana sen a relación coa natureza, e estamos felices de que Marga Pazos nolo recorde a través das súas escollas".