A plataforma pola defensa do centro de saúde de Seixo e de Marín mantivo unha "concorrida asemblea en Seixo" coa presenza dun cento de persoas. No encontro, expresaron a súa "satisfacción" por conseguir unha segunda médica no centro de saúde de Seixo para cubrir o médico que está de vacacións e se xubila en agosto. Explican que conseguiron esta nova médica "despois de meses de presión da plataforma e da veciñanza das parroquias", que está "sensibilizada e mobilizada". Con todo, esta alegría ten reservas. Segundo indican, a médica nova ten asinado co Sergas un contrato de tan só un mes. Polo tanto, adiantan que "seguiremos en alerta ata que asine un contrato de longa duración". "Non imos aceptar ningún parche", avisan desde a plataforma, para engadir que agardan que en agosto, cando a praza quede sen dono, asine unha interinidade longa, a tempo completo, antes de que poida coller a praza persoal médico fixo do Sergas. O 15 de agosto colle vacacións a outra médica e quedaría esta soa, cos dous cupos, polo que estarán "moi atentos e atentas á evolución da situación no centro". Na asemblea tamén se abordaron os "problemas" no centro de saúde de Marín e na atención hospitalaria e as urxencias. Denuncian que en Marín hai esperas para medicina de familia e "nalgúns cupos" chega a tres semanas ou un mes. No servizo de matrona, a primeira cita dispoñible é para o 18 de agosto. A voceira da plataforma, Iria Aboi Ferradás, afirma que "o mesmo ocorre en determinadas especialidades hospitalarias como dermatoloxía, uroloxía, otorrinolaringoloxía ou neumoloxía". Na asemblea confirmáronse tres casos entre asistentes que levan esperando dende o ano 2023 para cita en uroloxía e descartar patoloxías graves. O martes 5 de agosto celebrarán a vindeira asemblea, ás 20:30 horas, na biblioteca municipal de Marín.