O tenente de alcalde Manuel Fariña presentou este venres o programa das Festas de Verán de Caldas de Reis que inclúe os concertos de Guadi Galego, a Banda Municipal xunto con Ortiga, Loita Amada e Dakidarría. Ademáis as verbenas da semana grande contarán coas orquestras Panorama, Combo Dominicano, Gran Parada, Ardores, Dr. Slump Banda, América de Vigo e a discoteca móbil 'Euphoria'. Fariña destaca que o goberno local traballou para elaborar unha "axenda musical do máximo nivel" con "grupos referentes e propostas innovadoras" como a colaboración da Banda de Música con Ortiga, e as mellores orquestras de Galicia. "Queremos que a xente de Caldas poida gozar dos espectáculos máis punteiros sen ter que saír da súa vila e tamén atraer visitantes que dinamicen aínda máis o fervedoiro de actividade que van ser as festas entre o día 13 e o 17 de agosto.Facemos unha aposta moi potente que ano tras ano convirte a Caldas nun referente e nunha cita obrigada para a xente da comarca e incluso tamén do resto do país", subliña o nacionalista. A celebración das Festas de Verán comezará o mércores 13 ás 11 horas coas bombas de palenque que marcarán o inicio da semana grande, para despois (11.30h) dar paso ás dianas e alboradas coa charanga 'Noroeste', e aos xigantes e cabezudos ao son do grupo de gaitas 'As Espiñas' (12h) que pasearán polas principais rúas da vila. Pola tarde (16h) será o momento das peñas de Lasanta no Campo da Torre e da apertura do circuíto infantil e de ocio con inchables, un tobogán acuático e unha festa da escuma no paseo Román López (dende as 17h). A Charanga Noroeste volverá facer un percorrido (19 h) e despois (22h) será a quenda da verbena coas orquestras Gran Parada e Panorama. O xoves día 14 volverá abrir coas bombas de palenque para dar paso ás 11.30h a dianas e alboradas a cargo da Banda de Música Municipal de Caldas. A agrupación, ás 13.30h, deterase na Praza das Palmeiras para dar un concerto tradicional. Tamén haberá pasarrúas (12h) de xigantes e cabezudos ao son do grupo de gaitas 'As Espiñas'. Xa pola noite (21h) será o concerto de Guadi Galego na Carballeira. O venres 15, ademais das bombas de palenque e os pasarrúas de xigantes e cabezudos, as dianas e alboradas correrán a cargo da Banda de Música Municipal de Ribadumia, que ás 13.30h dará un concerto estático na praza das Palmeiras. Pola noite (23h), tamén na Carballeira, será o concerto da Banda de Música Municipal de Caldas en colaboración con Ortiga, unha actuación "innovadora e única" que pretende atraer moito público por ser un novo formato. O sábado 16 será a Banda Xuvenil de Barro a encargada de realizar as dianas e alboradas. Volverá haber ás 13.30h un concerto da Banda Xuvenil de Barro nas Palmeiras e pola tarde (19h) a Coral Polifónica de Caldas actuará na igrexa de Santo Tomé. Pola noite (22h) a proposta musical cambiará totalmente o estilo con 'Loita Amada' na Tafona, que dará paso ao espectáculo pirotécnico (00h) no malecón, para despois pechar a xornada cos concertos de Dakidarría e América de Vigo, tamén na Tafona. O domingo 17 ás oito da tarde a semana grande pechará as actuacións musicais cun concerto da Escola de Instrumentos Tradicionais de Suso Vaamonde na Praza das Palmeiras..