O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, asinaron este martes o convenio para o financiamento do proxecto de mellora da mobilidade peonil na contorna do Campo da Torre. No Pazo Provincial, ambos selaron impulsar esta actuación, que ascende a 840.000 euros que serán financiados pola Deputación, con 630.000 euros, e polo Concello de Caldas de Reis, con 210.000 euros. O proxecto abrangue un espazo do núcleo urbano de Caldas con alto valor patrimonial e natural e relacionado co Camiño de Santiago. Neste lugar vaise recuperar o espazo público para as persoas, establecendo un novo modelo de xerarquización viaria a nivel urbano. Deste xeito, vaise eliminar a circulación polo Campo da Torre segregando o tráfico en varias vías, o que favorecerá o tránsito peonil e de peregrinos que atravesan a rúa San Roque. Ademais, crearase unha plataforma única con lousa de granito, zonas axardinadas e limitarase o tránsito de vehículos. A actuación complétase co soterramento das redes eléctrica e de telecomunicacións, coa recollida de augas pluviais, co nova rede de saneamento e abastecemento e con novo alumeado e mobiliario urbano. Este acordo asinado este martes forma parte do Plan Extra, o plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. A colaboración da Deputación co Concello de Caldas de Reis non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial máis de 1,6 millóns de euros a través de programas do servizo de cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.