O Concello de Poio pon en marcha unha programación estival con obradoiros infantís itinerantes que percorrerán as distintas parroquias do municipio durante o mes de agosto. O obxectivo é ofrecer alternativas de lecer creativo ao aire libre para a rapazada, empregando espazos como praias e prazas, e promovendo ao mesmo tempo a conciencia ecolóxica mediante o uso de materiais reciclados. A primeira parada será este martes, día 29, na praia de Lourido (de 18.00 a 20.00 horas) coincidindo coa celebración dos Xogos de Verán que comezaron hoxe; en Vilariño, o 7 e 8 de agosto ás 11.30 horas; na Praza da Chousa, en Combarro, o 12 e 13 de agosto ás 19.00 horas; na praia de Cabeceira, 19 e 20 de agosto, ás 19.00 horas; na praia do Laño, Samieira, o 21 e 22 de agosto (19.00 horas); e, en Raxó, o 27 e 28 de agosto ás 19.00 horas. XIMNASIA AO AIRE LIBRE Ademais destas actividades infantís, desde o Concello de Poio continúan organizando a actividade Cóidate Sempre, con sesións semanais de exercicio físico para persoas adultas. Todos os mércores de xullo e agosto, de 10:00 a 11:00 horas, nos xardíns da Casa Rosada, e os venres, no mesmo horario, na Reiboa (A Seca). Durante aproximadamente unha hora, as persoas asistentes poderán participar en rutinas de exercicio e estiramentos adaptados, sen necesidade de inscrición previa. Só é preciso acudir con roupa cómoda e auga. XOGOS DE LOURIDO Organizados pola Asociación Cultural e Deportiva de Lourido, coa colaboración do Concello de Poio, os Xogos de Verán de Lourido arrancaron este luns cunha programación repleta de actividades deportivas, obradoiros e espectáculos pensados para toda a familia. O martes, ademais dos obradoiros de manualidades para a rapazada, tamén se inclúen un novo partido de fútbol 6 base e as segundas rondas de volei e tenis praia. Ás 19.30h xogarase un partido de Pickleball, modalidade incluída por primeira vez na edición deste ano. A carreira de caramelos pechará o día. O 30 de xullo, mércores, a tarde comezará cun novo partido do torneo de fútbol 6 base, e a partir das 19.00 horas disputaranse as semifinais de volei e tenis praia, seguido dun novo partido de pickleball. Para rematar o día, ás 20.30 horas, inclúese unha exhibición de ximnasia rítmica. O xoves 31 abrirá a tarde Barafunda Animacións, cun dos seus espectáculos para público infantil a partir das 18.00 horas. Tras o partido de fútbol 6 base disputaranse as finais de volei e tenis praia. A semifinal de chave masculina e feminina e a final de petanca disputaranse, nos dous casos, ás 20.00 horas. O venres, 1 de agosto, a xornada arranca ás 19.00 horas cunha sesión de zumba, seguido da competición de pickleball e as finais de chave masculina e feminina. Ás 20.00 horas será a quenda da bici praia. Para o último día dos Xogos de Verán, o sábado día 2, reservaron, ás 9.00 horas, o concurso de pesca. Ás 11.00 horas celebrarase a carreira popular e, xa pola tarde, será o fin de festa, no Parque Costa Xiráldez, coa entrega de premios e a actuación de Vides Novas.