'Sirat' abre a programación da 'Semana de Cine' no Salón García

Wait 5 sec.

A película galardoada no Festival de Cannes deste ano, 'Sirat. Trance en el desierto', abre a programación da 'Semana de Cine' no Salón García. O ciclo comezará o luns que vén ás 20:00 horas con dous pases da popular película do cineasta galego, Oliver Laxe, e rematará o sábado 9 cunha cita especial no parque Valdés Bermejo (O Castriño). As entradas custan cinco euros, aínda que os interesados tamén terán a opción de facerse cun abono para os seis días por quince euros. A actividade, que conta cunha extensa traxectoria en Vilagarcía, foi presentada este luns polo alcalde, Alberto Varela, a concelleira de Cultura, Sonia Outón e Xabier Marqués, membro da Cine Club Ádega, organizador do evento. "Buscamos traer unha oferta para todos os públicos: contamos con propostas actuais, clásicos, para público infantil... ademais doutras actividades complementarias", apuntou Marqués. A película escollida para inaugurar o ciclo, 'Sirat', conta a historia dun pai e o seu fillo, que chegan a unha 'rave' perdida en Marrocos para buscar a Mar, a súa filla e irmá, desaparecida hai meses nunha desas festas sen amencer. O filme gañou o Premio do Xurado no certame fracés, un dos máis importantes, así como o recoñecemento á súa banda sonora. O martes ás 12:00 horas impartirase unha Masterclass de Dirección de Arte por Marta Villar. Xa pola tarde, ás 21:30 horas, proxectarase 'A rapaza da agulla' (2024). A película presenta a historia de Karoline, unha moza embarazada e desempregada que loita por sobrevivir na Copenhague posterior á Primeira Guerra Mundial. O mércores ás 21:30 horas o filme-concerto a cargo de Chus Pazos Trío, que interpretará en directo a banda sonora das películas 'Seven Chances' e 'One Week', dous clásicos do cine mudo de Buston Keaton. Ao día seguinte, ás 21:30 horas, proxectarase 'Xorda' (2025), unha película que nos conta a historia de Ángela, unha muller xorda que vai ter un bebé con Héctor, a súa parella oínte. O embarazo fai aflorar os seus medos fronte á maternidade e sobre como poderá comunicarse coa súa filla. Na xornada do venres, ás 19:00 horas, de balde e con inscrición previa na web de Cine Club Ádega, os usuarios poderán facer unha viaxe inmersiva aos fondos rochosos do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Máis tarde, ás 21:30, os cativos serán os protagonistas con 'Nausicaä do Val do Vento', sobre un mundo postapocalíptico onde os humanos foron diezmados e os poucos que quedan sobreviven a duras penas en asentamentos illados. Finalmente, o sábado 9, cita especial no parque Valdés Bermejo (O Castriño), cunha noite de cinema e picnic ao aire libre, a partir das 21:00 horas. Nesta ocasión, proxectarase un filme sorpresa de Bollywood, con entrada de balde. Dende a organización animan aos asistentes a ir caracterizados ao espectáculo, ben sexa cunha túnica, cun punto vermello pintado na fronte ou outros elementos típicos desta cultura.