Cun cartel máis reivindicativo e solidario que nunca. Así regresa a Vilagarcía de Arousa o Festaclown, o gran circo de rúa que estará no municipio entre os días 18 e 23 de agosto. O festival circense xirará este ano en torno a dous eixos temáticos, segundo explicaron os seus responsables: a música e o clown por un lado, e o compromiso e a solidariedade, polo outro. "Os espectáculos abordarán esas temáticas, por iso imos ter moito humor, moita caña e moito ritmo, con música en directo e con parodias musicais", subliñou o seu coordinador, Nacho Fungueiriño. Ademais, as carpas nas que se desenvolverán as actividades estarán presididas este ano pola bandeira de Palestina, ao igual que o cartel do festival, que se presentou este mércores nos Xardíns de Ravella. Durante estes seis días de festa con conciencia social, as rúas e prazas da cidade volverán encherse de acrobacias, humor, maxia, música e malabares cos vinte e dous espectáculos gratuítos programados. Todos serán de balde e "para nenos de ata 100 anos". A todo iso sumaranse disciplinas que aínda non se tiñan visto no festival de Vilagarcía, como espectáculos que combinan as acrobacias en camas elásticas, danza e clown. O circo galego será predominante no cartel deste ano. De feito, a metade dos espectáculos que se representarán este ano (11) son galegos. A maiores, o festival tamén contará coa presenza de grandes compañías procedentes de Colombia, México e Arxentina. As tres pistas ao aire libre nas que se desenvolverá o Festaclown serán o Xardín de Ravella, a Praza de Galicia e a Praza da II República. A excepción da xornada inaugural, na que haberá dúas actividades, realizaranse tres espectáculos por día, con sesións de mañá, tarde e noite. Esta undécima edición do Festaclown abrirá o 18 de agosto coa gala "Cultura contra a Barbarie" para denunciar o xenocidio do pobo de Gaza e recadar axuda para Palestina. Estará protagonizada polo colectivo Pallasos en Rebeldía e nela intervirán artistas como Mercedes Peón, Marta Sempre Arriba ou a compañía Circo Chosco. O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, destacou que o Festaclown "é unha das iniciativas das que nos sentimos especialmente orgullosos e que sentimos como propia". Varela subliñou a calidade das compañías e dos espectáculos que reúne esta proposta cultural e a vertente social e solidaria a través da que se ofrecen actividades "tan necesarias" como as que denuncian a situación de Palestina e o xenocidio do pobo gazatí. Toda a programación do Festiclown está disponible na súa páxina web.