Tras o éxito da primeira edición a primeira planta do mercado de abastos de Pontevedra volverá acoller unha feira de roupa 'vintage'. Será este sábado día 2 de agosto, de once da mañá até o oito da tarde. É unha iniciativa da asociación Boa Vida Inclusión activa, unha entidade que actúa en Pontevedra para diminuír as desigualdades, fortalecer capacidades e mellorar o acceso a oportunidades a través da formación para as persoas en situación de pobreza ou exclusión. Por tanto, trátase dunha actividade solidaria que fomenta a economía circular pois toda a roupa que se pon á venda é de segunda man e foi doada polos seus anteriores donos. Segundo explicou Clara Setti, xerente das tendas da empresa de inserción Vivir do Traballo da asociación Boa Vida, nesta feira venderase roupa ao peso cun prezo que vai variar entre 5 euros e 10 euros. Na primeira edición desta feira, celebrada o pasado mes de agosto, vendéronse uns 200 quilos de roupa. As persoas que visiten a feira "poderán atopar pezas únicas, utilizadas, que foron seleccionadas coidadosamente por todo o noso equipo de traballo". A iniciativa tamén pretende "fomentar o consumo responsable, reducir o impacto ambiental da produción téxtil e promover a moda circular como unha ferramenta de cambio", dixo Clara Setti. MERCADO DE TRUEQUE A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, informou que o Concello de Pontevedra segue traballando para "facer ese reenfoque necesario" no mercado de antigüedades que leva a cabo os domingos nas rúas Serra, César Boente e na Praza da Pedreira. Nestes momentos está a elaborarse "uns pregos para facilitar o acceso de todas as persoas que queiran comercializar" trátase de "un proceso regrado que vai levar tempo" polo que a previsión de Anabel Gulías é pór en marcha ese mercado de segundas oportunidades "neste último semestre deste ano". Anabel Gulías comentou que a idea é impulsar un "mercado de troco".