As entradas e abonos para o X Torneo EncestaRías de baloncesto, á venda desde o 1 de agosto

Wait 5 sec.

O X Torneo EncestaRías de Baloncesto, que se celebrará os días 19 e 20 de setembro no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, segue a desvelar detalles da competición. A organización definiu este mércores os emparellamentos de semifinais e tamén confirmou o prezo de abonos e entradas así como a data na que se porán á venda. Por unha banda, a primeira xornada do EncestaRías quedou definida cos enfrontamentos por unha banda entre Baskonia e Valencia Basket (18.45 horas) e polo outro entre Real Madrid e Breogán (21.15 horas). Ao día seguinte, o duelo polo terceiro e cuarto posto disputarase ás 18.00 horas e a final foi fixada para as 20.30 horas. VENDA DE ENTRADAS E ABONOS Tanto os abonos para todos os partidos do torneo como as entradas por días poranse á venda este próximo venres 1 de agosto na plataforma Ataquilla, e a partir do 8 de agosto estarán dispoñibles en formato físico nas tendas Mobu de Vilagarcía e Goleada e Socel en Pontevedra. O prezo inicial dos abonos, non numerados, estableceuse en 80 euros para os maiores de 16 anos e en 45 euros o abono junior (nacidos entre 2009 e 2019). Os menores de 6 anos terán acceso de balde sempre que non ocupen asento. En canto ás entradas para cada unha das xornadas (dous partidos), os adultos poderán compralas por 50 euros e os junior por 25 euros. Tamén se habilitan dúas opcións a pé de pista, cun abono de 125 euros na banda contraria aos bancos e outro con valor de 200 euros e unha cota moi reducida nunha zona contigua aos bancos dos equipos.