O 9 de agosto, día grande das festas e da feira taurina de Pontevedra, as rúas da cidade volverán encherse do berro de "non" ás touradas. A asociación Touradas fóra de Pontevedra organiza a súa xa habitual manifestación. Nesta ocasión, coa colaboración de Irmandade Antiespecista de Pontevedra, Loita Raposa, AGA e o Santuario Vacaloura de protección animal. Será media hora máis tarde do habitual, ás 20.30 horas, para facilitar a máxima afluencia de persoas, e buscan, como cada ano, mostrar o seu posicionamento "contra os maltrato animal e o asasinato de touros que se fai nesta praza todos os anos". A convocatoria está dirixida a toda a cidadanía de Pontevedra. Os colectivos convocantes están convencidos de que "Pontevedra é unha cidade antitaurina claramente" e "a maioría da xente que vén ás touradas é xente de fóra", desprazados porque é a única praza que queda en Galicia. "Pedimos a toda a xente de Pontevedra que, por favor, saia á rúa connosco para demostrar que somos moitas e para gritar ben forte que estamos en contra das touradas", pediu Vicky Estévez, como portavoz de Touradas fóra de Pontevedra. Estévez manifestou que nestas asociacións animalistas están este ano "contentas" porque as rotondas da cidade están libres de carteis anunciando a feira taurina. Foi na petición que realizaron ao Concello de Pontevedra, pois consideraban que esta propaganda taurina debería estar prohibida nas glorietas, ao ser dunha empresa privada sen ningunha relación con ningunha entidade pública. Representantes de 'Touradas fóra de Pontevedra' presentan a manifestación antitaurinaCristina Saiz Esa alegría en relación coa actuación do Concello contrasta co seu malestar coa Deputación Provincial, pois lles pediron explicacións para saber si apoiarían con financiamento a feira taurina, pero "non nos contestou". Este colectivo animalista pon o foco na Xunta de Galicia, insistindo en que "depende todo" de que regule e prohiba este tipo de espectáculos na Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía. Respecto diso, Vicky Estévez insiste en que "mentres esa lei non mude, vai ser imposible facer nada" para impedir a feira taurina. Nos últimos anos, desde os colectivos animalistas puñan o foco no Concello de Pontevedra, pedindo que deixasen de alugar a praza de touros para o torneo medieval da Feira Franca, ao entener que, con esta achega, contribuían a manter as instalacións e á empresa Irmáns Lozano. Este ano manteñen que están "en contra totalmente" de toda achega a esta empresa, pois "ás persoas que maltratan animais non hai que darlles nin un peso", pero matizan que o Concello "reduciu moitísimo" nos últimos anos a súa achega a esta empreas. En todo caso, lembran á administración local que "hai moitas alternativas para a Feira Franca" e que están en contra do torneo medieval "porque tamén nos parece maltrato animal, os animais non están para que os usemos para o noso divertimento".