A necesidade de espazos grandes e céntricos, xunto á imposibilidade de contar este ano co escenario acuático, levou ao Concello de Caldas de Reis á reorganización de espazos para a celebración das principais actuacións musicais durante as festas de verán. Por ese motivo, segundo avanza o tenente de alcalde Manuel Fariña, os concertos e principais actuacións musicais repartiranse entre A Tafona e o patio do colexio da Encarnación. O escenario principal das festas estará situado no patio do colexio, un espazo de máis de 1.500 metros cadrados no centro da vila termal que se calcula poderá acoller máis de 3.000 persoas os días 14 e 15 de agosto. O día 16 de agosto pola súa banda a cita musical trasladarase á Tafona. A intención do Concello era manter o escanerio acuático do río Umia, pero coincidía co inicio das obras previstas dentro do Proxecto de Restauración Integral do Parque Xardín e da Carballeira de Caldas. Si se manterá na Carballeira a Feira Tradicional durante a primeira fin de semana de agosto, ao tratarse dunha montaxe moito máis sinxela. Ademais o 'malecón' será escenario do habitual espectáculo pirotécnico. "Imos ter unhas festas espectaculares. A calidade do programa, que daremos a coñecer en breve, é de primeiro nivel", defende Fariña sobre unhas festas que serán presentadas nos próximos días.