O río Lérez e a intensa calor volveron ser protagonistas este sábado en Pontevedra coa disputa da terceira edición da Travesía a nado do Lérez Cidade de Pontevedra e a Copa de España de natación en augas abertas. Organizada polo Club Natación Galaico, a proba alcanzou nesta ocasión a súa marca de participación con 257 nadadores inscritos, que converteron a zona fluvial nunha gran festa deportiva. A travesía a nado incluíu as categorías popular, promoción, infantil, alevín, benxamín e prebenxamín, con distancias desde os 50 metros até os 5000 metros. En canto á absoluta, arrincou ao redor das 16:20 desde a praia fluvial. O primeiro tramo foi cara ao Mosteiro de San Bieito, o segundo pola marxe da Illa das Esculturas, e o terceiro até meta, pola beira sur, até a praia. O primeiro elite masculino en completar as dúas voltas de 2.500 metros foi Nil Ibáñez (58:40), seguido de Miguel Martínez (59:35) e de Lucas Costa (1:00:14). Na feminina, pola súa banda, a gañadora foi Alba Ortiz (1:02:31), segunda chegou Irene Peinado (1:02:36) e terceira, Paula Goyanes (1:05:11). Durante a competición despregouse un servizo médico e de ambulancia, seis socorristas, asistencia en kaiak e táboa, dúas motos de auga, outras dúas embarcacións, bombeiros e até persoal do GEAS da Garda Civil. Ademais o club achegou medio centenar de voluntarios. [galleries:vertical:10612]