Sobre o novo fallo do Tribunal Supremo que lexitima a prórroga de Ence

Wait 5 sec.

Deuse a coñecer o pasado xoves 23 de xullo, a decisión da Sala 5ª do Tribunal Supremo (TS) que desestima o recurso Contencioso-Administrativo presentado pola "Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra" (APDR) relativo á prórroga da concesión de ENCE en Dominio Público Marítimo-Terrestre, unha decisión que, non por agardada, deixa de causar dor e decepción a quen, coma nós, seguimos considerando que aquela prórroga foi absolutamente irregular por contraria ao ben común. Así as cousas, e no contexto da valoración pública da sentencia ditada polo Alto Tribunal, na APDR consideramos preciso matizar algúns aspectos que entendemos de interese, tanto aqueles que afectan á propia decisión xudicial, coma aqueles outros que teñen que ver co marco no que se veu desenvolvendo todo o proceso que deu lugar a tal decisión. En primeiro lugar, á vista da decisión agora adoptada -unha decisión que en nada se diferencia da ditada anteriormente para os recursos presentados polo Concello de Pontevedra e Greenpeace- non se xustifica que o TS teña agardado algo máis de 2 anos para emitir esta sentencia. Estamos diante dunha táctica dilatoria para retardar a actuación da APDR noutras instancias xudiciais? Doutra banda, convén ter en consideración o feito de que a decisión do TS non foi adoptada por unanimidade; a existencia de dous votos particulares contrarios á tal decisión -que coinciden co noso criterio e coa sentenza ditada no seu día pola Audiencia Nacional- permite ver que non é tan evidente a legalidade da prórroga concedida como puidera parecer. Finalmente, e non por elo menos importante, facer referencia ao contexto no que se produciu a concesión da prórroga e que deu lugar á súa xudicialización. Todo xorde no ano 2013 no que -vén de saír á luz- no goberno de Mariano Rajoy actuaba unha trama corrupta liderada por Montoro e na que ENCE participou como empresa corruptora, unha mafia que modificaba leis do ámbito financeiro en beneficio das empresas de distintos sectores. Nese ano, o Goberno Rajoy modificou tamén a Lei de Costas do ano 1988, desvirtuando o seu espírito ao permitir que as concesións en Dominio Público Marítimo-Terrestre (DPMT), que caducaban no 2018, puidesen ser prorrogadas, unha decisión que beneficiou a ENCE ao conseguir, no ano 2016 e co goberno Rajoy en funcións, a prórroga á que fai referencia a decisión xudicial que nos ocupa. Visto o visto, e ao noso entender, é lícito preguntarse se a actuación mafiosa da trama Montoro/Rajoy limitouse ao ámbito financeiro ou se, como nos tememos, houbo actuacións semellantes noutros ámbitos da administración. É lícito preguntarse, tamén, se a modificación da Lei de Costas foi froito dunha actuación mafiosa do goberno de Rajoy para beneficiar ás instalacións que, como ENCE, tiñan que abandonar os terreos ocupados no DPMT, unha actuación na que as empresas exerceron o papel de corruptoras. Poida que nalgún momento se saiba máis deste particular; en calquera caso, na APDR, logo da decisión xudicial que vimos de coñecer, temos aberto o camiño para actuar diante do Tribunal Constitucional e, de consideralo necesario, diante do Tribunal Europeo, unha vía que ata agora tiñamos pechada. A loita polo saneamento e recuperación da Ría -que pasa inevitabelmente pola saída de ENCE de Lourizán- continuará, e que ninguén dubide que nesa loita a nosa Asociación terá un papel relevante. Pontevedra, 26 de xullo de 2025