A operación Centinela de prevención de incendios reforzarase este ano con cinco patrullas militares máis

Wait 5 sec.

Os militares da Brigada Galicia VII, Brilat, e do Terzo Norte da Armada volverán patrullar este verán os montes galegos en prevención de incendios forestais. Como xa é habitual desde 2007, o Ministerio de Defensa e a Consellería de Medio Rural reeditan este ano o convenio de colaboración que permite pór en macha a operación Centinela e, a partir do 15 de agosto, as patrullas militares regresarán aos montes. A operación presentouse este mércores na base aérea do Campiño e traerá novidades este 2025. A principal é que aumentará o número de patrullas. Serán 35, cinco máis que nos últimos anos. Tamén haberá dous equipos de mantemento móbil, que apoiará a misión dos militares durante un mes e medio, entre o 15 de agosto e o 30 de setembro. A misión é dobre: vixilancia e disuasión. Perséguese que, coa presenza de medios militares no monte, poidan realizar alertas temperás de posible actividade incendiaria e, ademais, axuden a disuadir condutas que poidan derivar en incendios forestais. O xeneral da Brilat, Alfonso Pardo de Santayana Galbis; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, presentaron a campaña, acompañados polos directores xerais de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera; e cargos da Garda Civil e a Policía Nacional. Todos destacaron a importancia da colaboración entre institucións na loita contra o lume e para manter funcionando un sistema de prevención de incendios que, segundo o xeneral da Brilat, é "punteiro". O xeneral destacou que, para a Brilat, que está despregada en misións en países moi afastados, resulta "un pracer e unha honra" poder desenvolver unha misión como esta, en territorio nacional e "en beneficio directo dos nosos concidadáns". Así, insistiu en que "sentir a proximidade, sentir a inmediatez dese servizo, para nós é moi reconfortante". Fixo mención á misión actual da Brigada en Eslovaquia, "un terreo moi similar a Galicia", na que están despregados nunha base militar, pero tamén de emerxencias e protección forestal. Aí puideron coñecer o traballo doutros países en prevención de incendios e xestión de montes e "con coñecemento de causa", o xeneral asegura que en Galicia se realiza un traballo "extraordinario" nesta materia. A tarefa da Brilat na operación Centinela é "absolutamente complementaria" do papel doutros medios autonómicos e estatais. A Xunta ten traballando na campaña de incendios a 3.000 efectivos e o goberno central outros 4.000 entre a UME, brigadas de incendios ou Forzas e Corpos de Seguridade. En total, máis de 7.000 persoas durante a época de alto risco de incendios. A conselleira de Medio Rural deu a coñecer que este ano se aumentará o investimento previsto, até superar os 550.000 euros. O subdelegado do Goberno destacou a "cooperación reforzada" da loita contra os incendios en Galicia, con recursos da Xunta e, por parte do goberno central, dos ministerios de Defensa e Transición Ecolóxica e, como o resto de autoridades, insistiu en que a posición de España nesta materia, no contexto internacional, é "acreditada". O comandante Valero, xefe de operacións da Brilat, destacou que se trata dunha operación "xa asentada" e cun "impacto positivo", como demostra que, desde o ano pasado, a experiencia de Galicia tamén empezou a realizarse en Tenerife. Confirmou que hai unha "tendencia descendente no nivel de incidentes durante o período de activación nas zonas que despregan as unidades militares". Despréganse as 24 horas do día os 7 días da semana en 8 dos 18 distritos forestais nas catro provincias galegas. As patrullas están compostas por dous militares, un xefe de patrulla e un condutor, que se moven permanentemente nun vehículo militar lixeiro. [galleries:vertical:10620]