A Cultural Leonesa leva o Trofeo Luís Otero

Wait 5 sec.

Con grandes novidades tanto no once como no banco, o novo Pontevedra de Rubén Domínguez botou a andar na súa primeira cita de pretempada coa LXII edición do Trofeo Luís Otero. Era a primeira oportunidade de ver ao conxunto granate acción despois das vacacións de verán, ante un rival de nivel como a Cultural Leonesa, equipo recentemente ascendido á liga Hypermotion, que fixo valer os seus cambios para levar o triunfo pola mínima. En canto ao técnico do Pontevedra, apostou por un esquema 4-4-2, con Raúl Marqueta baixo paus e Garay e Miki Bosch como parella de centrais e Adrián Expósito e Víctor Eimil nos laterais. O medio ocupárono Yelko e Nico Conesa, a banda esquerda, Álex, e a dereita, Miguel Cuesta. Arriba, como parella de dianteiros, foron titulares Brais Abelenda e Alain Ribeiro. E, a pesar da diferenza de categoría, foi o equipo local o que se aproximou con perigo por primeira vez a área rival tras unha gran combinación, pero o disparo de Miguel Cuesta atrapouno Édgar Badía. Estaban os granates máis activos, sobre todo na presión tras perda. Fixéronse co control do balón, pero faltaba profundidade. Alcanzouse así o minuto 21 e Rubén Domínguez viuse obrigado a mover ficha, substituíndo a Marqueta e Víctor Eimil, que se tiveron que retirar lesionados. No seu lugar entraron Edu Sousa e Tomás Enrique, xogador sen ficha e a proba cos granates, que regresou ao verde tras unha lesión de longa duración que o mantivo apartado dos terreos de xogo desde febreiro de 2024. Tras o breve receso polos cambios e a pausa para a hidratación, a Cultural cobrou protagonismo con algún achegamento con certo perigo que a defensa granate liquidou sen problemas. Con todo, foi o Pontevedra, por medio de Garay o que gozou da ocasión máis clara da primeira metade. Yelko cazou un rexeite de Badía e deulle o balón ao 19, pero o seu disparo foise desviado por moi pouco. Despois do paso polos vestiarios o técnico leonés substituíu a sete dos seus xogadores, que achegaron frescura e velocidade ao xogo do seu equipo, que pasou a dominar todas as facetas e, con iso, atopar o gol. Foi no minuto 78, Choco centrou, o balón paseouse dentro da área e Rafael Tresaco rematou á rede, anotando o único tanto do partido que deu o trofeo á Cultural Leonesa. PONTEVEDRA CF (0): Raúl Marqueta, Víctor Eimil, Adrián Expósito, Miki Bosch, Miguel Cuesta, Álex González, Brais Abelenda, Alain Ribeiro, Yelko Piñeiro, Nico Conesa e Benjamín Garay. Tamén xogaron: Edu Sousa, Tomás Enrique, Sebas, Manu Galego, Sergio Canosa, Hugo Táboas, Diego González e Marqués. CULTURAL LEONESA (1): Edgar Badía, Eneko Satrústegui, Quique Fornos, Sergi Maestre, Manu Xusto, Bicho, Rafael Tresaco, Emanuel Pastoriza, Víctor García, Ezequiel Thiago e Juan Larios. Tamén xogaron: Rodri Suárez, Guzmán Ortega, Álvaro 'Choco', Pablo Chamorro, Marcos da Riva, Nico Toca, Adrián Ruiz, Carlos Luengo, Arturo Suárez e Álvaro Falagán. Goles: 0-1, Rafael Tresaco, min. 78. Árbitros: Álvaro Juncal, auxiliado nas bandas por Sergio Doval e Yago Iñarrea (Pontevedra). Amoestou a Guzmán Ortega e Arturo Suárez, na Cultural Leonesa. Incidencias: LXIII edición do Trofeo Luís Otero disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 1.435 espectadores. [galleries:vertical:10613]