O fútbol en Pasarón, dos máis baratos de Primeira RFEF

Wait 5 sec.

A un mes para o inicio da competición na Primeira Federación e con todos os equipos xa en marcha na súa pretempada, as campañas de captación de abonados están á orde do día nos clubs da categoría. Neste sentido, e aínda que con moitos matices ao existir diversas realidades e categorías diferentes ao contar algúns estadios soamente con bancadas laterais, analizando as campañas de socios tanto do Pontevedra como dos seus rivais poden sacarse varias conclusións. Tendo como referencia unicamente o prezo do carné para o público adulto, Pasarón conta esta campaña co abono máis alcanzable do Grupo I de Primeira RFEF. Os afeccionados de Fondo Norte e Fondo Sur puideron renovar o seu carné en xuño por 90 euros (100 a partir de entón), mentres que as novas altas xestiónanse a partir dos 110 euros. O Lugo, ofrecendo renovacións na súa bancada 'Xeral 2' a 95 euros é o que máis se achega e case calca estes prezos, con novas altas a partir dos 105 euros, mentres que no seu fondo as renovacións xestiónanse a 130 euros e a 215 en Tribuna. No caso de Pasarón o prezo dos que renovaron a súa fidelidade na primeira fase da campaña de socios foi de 135 euros en Preferencia e 205 en Tribuna, as bancadas laterais do estadio. Ás novas altas hai que sumarlle 20 euros en cada categoría. Pola parte baixa do escalafón, o Ourense fixou en 100 euros a súa bancada de Preferencia (non abre o fondo do Couto) e o Mérida ofertou renovacións por 105 euros na súa bancada de animación, mentres que o Tenerife fixou o carné máis barato no fondo en 112,50 euros para os socios accionistas (cunha recarga do 10% para o non accionistas) sendo a súa Tribuna unha das máis caras (342 euros). Séguenlles na lista, en canto á categoría máis alcanzable da súa oferta e sen contar os filiais, Talavera (120 euros) Zamora e Guadalajara (130 euros), Barakaldo (135), Cacereño e Avilés (140), Arenteiro (150 euros), Ponferradina (157,50 euros), Racing de Ferrol (175 euros), Unionistas (195 euros) e Arenas de Getxo (270 euros). Destaca este último caso, dun recentemente ascendido como o Pontevedra e que xogará en dous estadios distintos esta tempada ao ter que abandonar en xaneiro o seu estadio habitual ao contar con céspede artificial. O club vasco oferta unicamente un abono xeral de 270 euros para as renovacións e 285 para as novas altas. NÚMERO DE ABONADOS Na recente Xunta Ordinaria de Accionistas o Pontevedra Club de Fútbol confirmou que contaba xa con 3.037 socios para a nova tempada, e que o seu obxectivo era achegarse co inicio da liga á cifra dos 4.000. Nun gráfico elaborado e compartido polo perfil Bancada B Pro pode seguirse a evolución das campañas dos clubs da categoría. En 3ª categoría, el @realmurciacfsad ya está por encima de los 8.000 abonados otra vez más y @UnionistasCF sigue dando pasos para acercarse a los 5.000. Vaya escudos tenemos esta temporada en 1RFEF. pic.twitter.com/IXqWmdd4ZJ — GRADA B pro (@GradaBpro) July 27, 2025