Non será un concerto, senón dous. León Benavente e Iván Ferreiro son os nomes dos artistas que actuarán na Praza de España de Pontevedra o domingo 17 de agosto. O Concello de Pontevedra mantiña como "sorpresa" a actuación prevista para o penúltimo día das Festas da Peregrina, ao non poder desvelalo por cuestións de contratos. Este luns, finalmente, o concelleiro de Festas, Demetrio Gómez, deuno a coñecer, confirmando que non será unha actuación, senón dúas. Será o "broche de ouro" ás festas. Ás 22.30 horas actuará Iván Ferreiro e, a continuación, a banda León Benavente. De momento, desde o Concello non están en condicións de confirmar se interpretarán xuntos algún tema, falan de dúas actuacións por separado, pero dáse por feito que si que coincidirán sobre o escenario, pois non é a primeira vez que actúan xuntos e esta ocasión préstase a iso, ao actuar xusto o mesmo día e un a continuación do outro. Demetrio Gómez presenta o concerto de Iván Ferreiro e León BenaventePontevedraViva Iván Ferreiro trae a Pontevedra a súa xira 'Trinchera pop' e León Benavente, 'Nueva sinfonía sobre el caos'. Demetrio Gómez destaca que é un cartel "digno dun dos mellores festivais", pois, de feito, "ningún festival este verán conseguiu xuntar estas dúas xiras no seu cartel". "En Pontevedra, imos ter un concerto exclusivo", insistiu, como resultado dun "esforzo moi grande de coordinación" para logralo. Este concerto dobre segue a liña de "tentar ter en Pontevedra grandes eventos dirixidos a todo tipo de público". Neste caso, pensado para os amantes da música indie, que "van ter unha oportunidade exclusiva en Ponteveda que non van ter en ningún outro punto, non xa de Galicia, senón do Estado". Ademais, será unha dobre actuacion gratuíta, como todas as programadas para as Festas da Peregrina. Ambos teñen en Galicia citas este ano, pero sempre por separado e de pago. "En Pontevedra, o concerto non só é único porque están xuntos, senón, ademais, por que é de balde para velos aos dous", concluíu o concelleiro de Festas.