Durante toda esta semana o parque das Palmeiras acolle o Animatrón. Trátase dunha proposta de obradoiros e actividades infantís que as Festas de Verán de Pontevedra ofrecen desde o ano 2007. Nesta ocasión haberá seis obradoiros diferentes, que se irán alternando a diario. Sen dúbida, un dos máis concorridos, a xulgar polas longas colas, é o taller especial de maquillaxe. A ilusión dos nenos con esta actividade soamente é comparable coa paciencia e a arte dos expertos pintacaras que o atenden. O Animatrón inclúe unha actuación musical cada día e moita animación con zancudos, monociclos, malabares ou globos xigantes, entre outras actividades. Ademais, o Animatrón ofrece unha ludoteca para os máis pequenos con pezas xigantes tipo Lego, chalecos e cascos de obra. Tamén hai un xardín infantil, no que poder experimentar como traballa un xardineiro entre apeiros de labranza, flores, hortas ou carretillas, mesmo dispoñen dun cortacésped inofensivo. [galleries:vertical:10624]