En pleno centro de Pontevedra, La Rana Verde volve abrir as súas portas cunha proposta renovada que integra bar, vinoteca e tapería, ofrecendo unha experiencia diferente para quen valora os bos viños e os produtos de calidade. A apertura tivo lugar este xoves 31 de xullo, con grande afluencia de público. Os asistentes puideron degustar unha selección de petiscos especialmente preparados para a ocasión e un viño de cortesía, nun ambiente festivo e cheo de expectativas por esta nova etapa. O establecemento hostaleiro, situado na rúa Cruz Gallástegui, 4, recupera, ademais do local, o nome de La Rana Verde, un histórico referente en Pontevedra que moitos lembran con agarimo. Susana Bordóns, a propietaria do negocio, explica que "apostamos por un concepto que combina a tradición coa modernidade, mantendo elementos orixinais do local e achegando un ambiente renovado, elegante e acolledor". Entre os elementos que se conservaron, atópase a impoñente barra de madeira nobre e as elegantes vitrinas detrás da mesma, que recuperaron a súa función orixinal como neveiras-expositores para o viño. O local conta cunha zona de barra, mesas altas e baixas, e un exclusivo espazo denominado "La Bodega", que está destinado a degustacións privadas por reserva. En palabras de Susana, "esta zona lembra ás adegas tradicionais, pero nunha contorna máis recolleita e privada", ideal para pequenos grupos ou quen queira gozar dunha selección exclusiva de viños con tranquilidade. Pola súa banda, Juan Carou, asesor en viños da vinoteca, destaca a coidada selección de etiquetas dispoñibles. "Pódense atopar viños de varias denominacións de orixe, desde Ribera del Duero e Rioja, con adegas de renome como Ramón Bilbao, ata viños galegos como albariños, godellos e treixaduras. Tamén contamos con viños rosados da Rioxa, nun ambiente pensado para un público que valora o viño e busca unha experiencia pausada", afirma. En "La Bodega" están expostas as exclusivas botelllas, de modo que "o cliente nos di que quere tal viño, collémoslle a botella e servímoslla", detalla Carou. Neste espazo privado, ao ser viños seleccionados, só se serve "por botella". O cliente que visite La Rana Verde tamén atopará viños para tomar "por copa", ademais de cervexas e bebidas propias da zona de bar. No establecemento pódese saborear unha coidada selección de embutidos e queixos de alta calidade, cun enfoque gourmet pero a un prezo accesible. "O noso obxectivo é ofrecer produtos de calidade a prezos equilibrados, para que todos poidan gozar dunha boa experiencia", comenta Carou. Xamóns ibéricos de ceba de campo, paletas de campo, salchichóns de belota, chourizo ibérico, queixos manchegos, Cabrales, curados ou rolo de cabra, son algunhas das propostas frías da tapería de carta. Unha deliciosa oferta gastronómica que tamén conta con opción de cociña quente, con tortilla, croquetas ou tostas, ademais da suxestión do día, que pode ser un arroz de marisco ou unha ensaladilla, por exemplo. Susana Bordóns resalta que "o local está pensado para xente de mediana idade en diante, que valore o bo viño e goce dun ambiente tranquilo para degustar e charlar". La Rana Verde abre en horario de tarde-noite os martes e mércores, de 20:00 a 24:00 horas; os xoves, venres e sábados de 12:00 a 16:30 horas e de 20:00 a 24:00 horas; domingo e luns, pechado. [galleries:vertical:10625]