Novo logro desbloqueado para Jéssica Bouzas. A tenista de Vilagarcía de Arousa venceu na madrugada deste venres á xaponesa Aoi Ito na terceira rolda do WTA 1.000 de Montreal en Canadá. Fíxoo fiel ao seu estio, pelexando até o final para remontar un duelo que se lle puxo costa arriba no primeiro set. Foron 2 horas e 14 minutos de loita resumidos nun tenteo de 4-6, 7-5 e 6-4. Breaking ground 🌟 Jessica Bouzas Maneiro is into her first ever R16 in a WTA 1000!#OBN25 pic.twitter.com/1T787PUiA6 — wta (@WTA) August 1, 2025 Un resultado que mete a Bouzas por primeira vez na súa carreira nos oitavos de final dun torneo WTA 1.000, a maior categoría despois dos grand slam. A vitoria suponlle ademais asegurarse saír de Montreal co mellor ranking da súa carreira. Polo momento é xa virtualmente a 47 mellor raqueta da clasificación WTA, posto que podería aínda mellorar de seguir avanzando no cadro do torneo. Terá unha boa oportunidade para iso, xa que a súa rival por entrar nos cuartos de final será a chinesa Lin Zhu, actual 493 nas listas pero que xoga con ranking protexido ao saír de lesión. De feito en 2023 chegou a ocupar o número 31 do ranking. Será a primeira vez que ambas as dúas vexan as caras no circuíto profesional.