Conde de Romanones, Pío Cabanillas e Cristóbal Montoro

Wait 5 sec.

Somos damnificados de Montoro. Dáme moita carraxe todo isto. Apertounos o cinto cas medidas postas en marcha polo goberno de M. Rajoy. Perdemos poder adquisitivo. Subiu o IVE e as retencións do IRPF. Quitou a paga extra do Nadal aos funcionarios. E moitas máis medidas contra a clase media e traballadora, que diría Pedro Sánchez. Había que loitar contra o déficit. O mellor xeito de facelo, sen facer outros esforzos, é facer que paguen a factura os que menos teñen. Sempre a receita do capital para non asumir eles ningún esforzo. E senón xa teñen a Montoro para que lles arranxe "lo suyo". Lémbrome da hipocrisía de M. Rajoy dicindo: "Dije que iba a bajar los impuestos, y los estoy subiendo", só lle faltou chamarnos mamalóns. De ser certo o que estamos a ler ou oír, xa que é presunto, atopámonos co caso de corrupción peor de todos. Se acaba sendo así supera a predición de Gabriel Rufián que falaba de "corrupción cutre" e "corrupción premium", agora xorde a "corrupción premium VIP" (só para poucos "amiguiños" elixidos e supermillonarios). Esta corrupción ten a implicación de que os intereses privados pasan por riba dos intereses xerais, cun paso previo pola caixa. Cristóbal Montoro bebeu nas fontes de Álvaro de Figueroa y Torres, Conde de Romanones. Famoso pola frase dirixida aos deputados do Congreso: "Hagan ustedes las leyes, que haré los reglamentos". E si non foi nesa debeu ser na de Pío Cabanillas. Tiña fama de retranqueiro que deixaba caer unha frase parecida á de Romanones: "Hagan ustedes la norma, que yo me encargaré de interpretarla". Cristóbal Montoro foi un alumno adiantado destas frases aínda que chegou a perfeccionar a Cabanillas cando dicía "yo mando poco", paraba un pouco, e engadía "pero influyo mucho". Montoro aprendeu tanto que superou a Cabanillas, mandaba moito e influía máis. Aínda así e todo a frase de máis sona das de Cabanillas é a de "cuerpo a tierra que vienen los nuestros". Así, corpo á terra, andou (anda?) Alberto Núñez Feijóo na primeira semana de saberse o caso Montoro. Nin estaba nin se lle esperaba. Explicacións do presidente do PP non hai, nin as haberá. Agora en Madrid vemos ao Feijóo en estado puro insidiando, retorcendo, faltando. Non dará explicacións (como sempre) mais retorcerá, seguro. Cando o conde de Romanones ou Pío Cabanillas falaban de facer os regulamentos estaban a falar do que os normais coñecemos como a "letra pequena" dos contratos que asinamos, nunca os miramos e logo aféctannos. Na política a "letra pequena" son os regulamentos. Por iso Romanones e Cabanillas querían ter ese control nas normas de rango inferior que determinaban o cumprimento real do que se regulaba. Polo que din os medios, Montoro superou ao conde de Romanones e a Pío Cabanillas. É un licenciado con premio extraordinario. Non quería o regulamento, para que? , si, presuntamente, podía facer a lei enteira. Previo pago na asesoría a lei modificábase á carta dos demandantes. Xórdenme dúbidas respecto ás actuacións dos deputados do PP. A que van ao Congreso? A levantar a man e a final de mes cobrar? Polo anterior son beneficiarios a título lucrativo? Non se decataban que modificacións que se lles metían ás leis? Ningún? Patético. Os deputados e senadores do PP, da época de M. Rajoy, e que agora se manteñen no Congreso e no Senado o que deberían facer, si tiveran o que hai que ter, decencia, presentarían a súa dimisión. O destes deputados é ociosidade de libro, o contrario é colaboración necesaria. Por sorte aínda queda decencia. Hai partidos que non teñen ningún caso de corrupción.