Co inicio de agosto, o mes das verbenas por excelencia en Galicia, o grupo pontevedrés Son das Tabernas chega para animar a festa cunha das súas propostas canallas. Á medianoite deste venres 1, estrearon no seu canal de Youtube o videoclip de Verbena, "un tema moi moi festivo, que fala sobre as verbenas aquí en Galicia", en palabras do seu cantante, Johnny Güimil. Un vídeo divertido, fresco, fácil de ver, gravado completamente en plano secuencia dunha toma única e que avanza moita diversión que levarán aos escenarios. É un adianto do seu disco A arrancadeira, o seu primeiro traballo de estudio, que chega despois de dez anos no mundo da música. Autofinanciado, este traballo é unha compilación da década na música deste grupo afincado en Pontevedra, aínda que os seus nove músicos son cada un dun concello diferente da provincia de Pontevedra. Este traballo é fiel ao seu estilo, "música tradicional, pero dándolle un toque máis canalla, con batería, baixo eléctrico, guitarra eléctrica, teclado" e sen faltar as gaitas e o acordeón, "obviamente". A arrancadeira está feito integramente en Pontevedra. Gravouse nos estudios Bonobo con Gonzalo Maceira; o videoclip é dunha produtora local, Producciones Mutantes; e a parte gráfica corresponde ao deseñador e fotógrafo pontevedrés Chano Andión. Reúne doce cancións que son, segundo Güimil, "os nosos mellores temas en todos estes anos" e neles mesturan "música puramente tradicional con música fusionada coa cumbia, co pop, co merengue".