O músico Cristian Silva, natural de Carril, súmase ao cartel das Festas de San Roque. Será cun concerto que ofrecerá o domingo 17 de agosto no Auditorio Municipal O intérprete presentará o seu novo disco Un home tranquilo, que mestura rock, folk, jazz e funk, un traballo que nace do contraste: o da calma rebelde nun mundo convulso. Sobre o escenario, a gaita, as frautas e a zanfona eléctrica únense coa enerxía das guitarras e os sintetizadores nunha viaxe que non deixará indiferente a ninguén. Acompañado por unha banda de músicos de primeiro nivel, o músico fai do seu novo disco unha experiencia "intensa, elegante e chea de personalidade", segundo o propio artista. As entradas para este concerto, que será ás 20:00 horas, están á venta en Ataquilla.com, desde 5 euros, con desconto para desempregados, maiores de 65 anos e titulares de Carné Xove. De non esgotarse, tamén se porán á venta na propia billeteira do auditorio o día do espectáculo. As Festas de San Roque de Vilagarcía estarán cheas de actividades musicais. Ademais de Cristian Silva, actuarán +dManá (14 agosto), Ainhoa Arteta (18 de agosto), Toreros Muertos (19 de agosto), Bustamante (20 agosto) ou Mondra (22 de agosto).