Despois dunha semana de competición, o XIII Torneo Internacional Cidade de Pontevedra de Xadrez xa ten vencedor. É o Gran Mestre (GM) cubano Carlos Albornoz, que derrotou na última rolda ao portugués Barriá para asegurar así o primeiro posto cun balance de 7 vitorias, un empate e unha derrota. Segundo, con 7 puntos, finalizou o GM húngaro Robert Ruck, e completou o podio en terceiro ugar o chinés Tongsen Wang. A Gran Mestra india Nandhidhaa foi pola súa banda a primeira clasificada feminina. Pola Escola Xadrez Pontevedra, organizadora do torneo que reuniu máis de 250 xogadores de 20 países no Pavillón Universitario, os mellor clasificados con 5,5 puntos foron Rubén Fernández e Bernardo Rebollo. No que respecta á categoría amateur, o gañador foi Hugo Ochoa. O torneo repartiu un total de 13.000 euros en premios, e material didáctico para todas as categorías de promoción, 8 a 16 anos. No seu acto de clausura participaron representantes institucionais como a alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, a edil de Deportes, Anabel Gulías, e o delegado provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides.