Este luns tivo lugar diante do Hospital Provincial unha concentración dos traballadores da empresa Ambulancias Pontevedra, actual concesionaria deste servizo de transporte na Área Sanitaria de Pontevedra-Salnés. Esta acción de protesta estivo convocada polo comité de empresa polos "incumprimentos da concesionaria, que non son gravísimos pero son fundamentais para que funcione este servizo" cuestión pola que tamén culpan ao Servizo Galego de Saúde (Sergas). A representante de CIG, Cecilia Tarela, explicou que as negociacións coa empresa están "pechadas sen acordo" despois de que na última reunión os representantes de Ambulancias Pontevedra non asinasen ningún dos dez puntos que demandaban os traballadores. Como medida de presión convocouse a concentración deste luns e outra para o venres desta mesma semana "e si non chegamos a acordo antes, habería unha folga a partir de 15 de setembro". O plantel di ter constancia de que a xerencia desta área sanitaria "é sabedora de todos estes problemas que estamos a ter con Ambulancias Pontevedra desde a súa chegada e tampouco están a facer nada". Lembran que "este servizo, aínda que está privatizado, depende do Sergas". Entre outros problemas sinalan que algúns vehículos que carecen de aire acondicionado "alcanzando temperaturas de 38ºC que sofren non só os traballadores senón os pacientes" e din que a base das ambulancias segue sen reunir as condicións mínimas polo que denunciaron esta situación na Inspección de Traballo, entre outras reclamacións. "Non entendemos a actitude da empresa", afirma Cecilia Tarela. Con esta concentración o comité pretende que a xerencia da área sanitaria "meta presión" á concesionaria do servizo de ambulancias para que retome as negociacións e chegue a acordos cos seus traballadores.