O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, selaron un convenio de colaboración que fará realidade o proxecto de parque termal da vila. Os dous dirixentes asinaron o convenio este luns no Pazo Provincial, sede da Deputación. O convenio de colaboración asinouse no marco do Plan Extra, o plan de investimentos do goberno provincial nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. Nesta ocasión, o acordo impulsará unha actuación ascende a 1,5 millóns de euros e serán financiados entre as dúas institucións. A Deputación de Pontevedra achega 700.000 euros do Plan Extra e o Concello de Ponte Caldelas asume os 800.000 euros restantes. O proxecto permitirá aproveitar a presenza de augas termais na vila e poñer en valor elementos existentes na contorna como unha capela ou paseos e accesos polo río. Deste xeito, transformarase o terreo nun gran parque público con instalacións para facer uso das augas termais mediante baños ou fontes. Está previsto instalar cinco pozas con auga termal e completar a dotación de servizos con edificacións auxiliares para vestiarios, aseos, cantina ou almacén. Ademais, realizaranse tarefas de conservación da capela e acondicionarse a parcela, con camiños iluminados a nivel do chan e coa reparación dos accesos. A Deputación ten previsto destinar este ano preto de 1,5 millóns de euros a Ponte Caldelas través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. Proxecto da estación termal de Ponte CaldelasConcello de Ponte Caldelas