O Camiño do Castro, en Campelo, completará a súa transformación coa creación dunha senda e un segundo miradoiro. O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o presidente da Asociación de Veciños de Campelo, Manuel Ligero, visitaron as obras, que xa se están realizando. Esta actuación permite dar continuidade ao proxecto realizado o ano pasado neste lugar e que conseguiu eliminar un punto de vertidos incontrolados para convertelo nun balcón cara a costa de Poio e a Ría de Pontevedra. A actuación conta cun investimento de preto de 20.000 euros, e inclúe retirada de escombros e compactado de zahorra para habilitar a senda, así como instalación de bancos, iluminación e varanda de seguridade. O Concello de Poio volve a colaborar coa entidade veciñal nesta segunda fase do proxecto, que conta tamén cunha axuda a través do Plan Social de Ence. Ángel Moldes destacou a iniciativa dos veciños, que permite transformar a contorna de maneira sostible e poñendo en valor o lugar, con actuacións que dan un gran servizo e contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas que viven nestas zonas. Salientou que desde o ano pasado, o miradoiro de Camiño do Castro tense convertido nun punto de encontro e de reunión para moitas das persoas maiores que viven nesta zona. Por último, apostou por seguir colaborando para desenvolver proxectos consensuados cos veciños, "é importante que estas actuacións sexan participativas, dialogadas, porque eles mellor que ninguén coñecen cales son as principais necesidades de cada lugar".